O BNG de Vigo cualifica de “burla e saída en falso” o cambio do recibo de auga e reivindica a remunicipalización do servizo
Xabier P. Igrexas: “Abel Caballero cambia a estrutura da factura, aumentando un 276% os custes fixos, para quedar máis menos como estamos. Non é aceptábel. Iso non é o que reivindicou desde hai moitos anos a veciñanza da cidade”.
A fronte nacionalista formulou 38 emendas ás ordenanzas fiscais do 2021 que apostan “nunha fiscalidade municipal socialmente xusta”, alargando bonificación e exencións ás rendas máis baixas.
O Bloque Nacionalista Galego presentou esta mañá en rolda de prensa as 38 emendas (37 parciais e 1 á totalidade) que formularon á proposta de ordenanzas fiscais municipais para o vindeiro 2021. O concelleiro, Xabier P. Igrexas, xustificou as emendas defendendo que o que pretenden é “apostar nunha fiscalidade municipal socialmente xusta”. Un dos asuntos de maior trascendencia é o novo recibo da auga, no que o BNG demanda a devolución da proposta de modificación formulada polo Goberno municipal que consideran unha “burla e unha saída en falso” e reclaman a remunicipalización do servizo.
Recibo da auga
En relación á modificación do sistema tarifario da auga, Igrexas lembrou que a demanda do cambio de tarifa é unha histórica reivindicación cidadá e deu lugar a unha intensa loita social por parte do movemento veciñal. No entanto, a modificación que se propón por parte do Goberno municipal non atende este reclamo é constitúe “unha burla e unha saída en falso”.
“A pesar de que se elimina o consumo mínimo incluído no termo fixo de 30 metros cúbicos bimestrais, na súa aplicación práctica supón unicamente unha modificación dos conceptos tarifarios, imputando ás cotas fixas o groso do importe da tarifa anterior”, explicou o portavoz municipal nacionalista. “Vemos como o Goberno propón o incremento do 276% do importe das cotas de aboamento para uso doméstico, pasando de 7,6 euros e 28,62 euros bimestrais, e dun 531% en usuarios non domésticos elevándose a 47,99 euros. Desta maneira a tarificación por consumo real é unha ficción”, acrecentou. Aliás, discrepan tamén da estrutura de “tramos” de consumo que, sosteñen, non se axustan ao consumo promedio real das familias viguesas.
Do escasísimo alcance práctico deste cambio, que pode producir lixeiras rebaixas nalgunhas facturas pero que non suporá un abaratamento efectivo do servizo, Igrexas subliña que o propio interventor municipal recolle nun informe que “(…) a modificación non suporá a priori un incremento ou minoración, cando menos significativos, no importe recadado pola prestación (…)”. “Abel Caballero cambia a estrutura da factura pero para quedar máis menos como estamos. Non é aceptábel. Iso non é o que reivindicou desde hai moitos anos a veciñanza da cidade”.
O problema radica, para o Bloque, no feito de que se quere abordar unha modificación do sistema tarifario no exercicio no que estará vencida –no caso de non mediar prórroga- a actual concesión privada do servizo, o que limita o alcance do mesmo aos compromisos e obrigas derivados do equilibrio económico-financeiro da concesión da que é titular FCC AQUALIA VIGO UTE. “O máis acaído sería revisar esta ordenanza atendendo os termos e modalidade no que se vaia prestar finalmente este servizo, unha vez finalizado o actual contrato”, defende Igrexas. A este respeito o BNG segue a defender a fórmula da remunicipalización para a xestión pública directa do servizo.
Con base a esta argumentación o BNG propón unha emenda á totalidade de devolución da ordenanza fiscal número 60, demandando a constitución dun grupo de traballo específico no seo da Comisión Informativa de Orzamentos e Facenda do Pleno, aberto á participación tanto do tecido asociativo como de persoas expertas, para a definición dun novo modelo integral da xestión da auga en Vigo e o sistema tarifario que rexerá o seu servizo de abastecemento, saneamento e depuración.
Acceso social á vivenda
Outra das cuestións que recollen as emendas do Bloque é facilitar o acceso social á vivenda. Con ese obxectivo propoñen que as familias que foron vítimas de desafiuzamento ou que entregaron a súa vivenda en dación de pago, estean exentas tanto de tributar o IBI da vivenda afectada como de facer fronte ás débedas que xerasen neste imposto.
Tamén propoñen aplicar unha bonificación do 95% no IBI aos inmóbeis cuxo uso sexa cedido ao Concello de Vigo ou a calquera administración pública para se incorporar nun programa de vivenda social. “Nunha cidade con 18.500 vivendas baleiras e cunha evidente necesidade de vivendas sociais, esta medida podería ser un aliciente para dotar Vigo dun parque de vivendas sociais”, defendeu Igrexas.
No IBI demandan tamén bonificacións do 95% tanto para a Universidade de Vigo como para as entidades sen ánimo de lucro. “Non ten sentido ter asociacións veciñais pagando IBI polos seus locais, mentres a Igrexa Católica non paga un só céntimo”, explicou o voceiro nacionalista.
Penalizar as casas de apostas
Outra das liñas nas que volven insistir as nacionalistas, a pesar da negativa do PSOE no debate das anteriores ordenanzas, é o de adoptar medidas que poñan freo a proliferación de salas e casas de apostas na cidade que supoñen un “serio problema para os nosos barrios e para a nosa mocidade”. No concreto, propoñen que se lles aplique un recargo do 95% no Imposto de Actividades Económicas (IAE) e que tributen por este imposto mesmo cando facturen menos de 1 millón de euros ao ano. Tamén demandan que se aumente nun 95% as taxas por licenzas de actividades e instalacións para estes locais.
O aumento do 100% da taxa por instalación de caixeiros automáticos adosados a vía pública, e nun 25% da taxa que se aplica ás empresas explotadoras de servizos de telefonía móbil, son outras das propostas. Con carácter xeral, defenden que se aumente nun 15% todos os tipos do IAE. “Con estes aumentos queremos que grandes empresas e a banca privada quen faga un maior esforzo para que outros paguen menos”, xustificou Igrexas.
Bonificacións en servizos básicos
No ámbito social, a formación nacionalista avoga por aplicar unha exención das taxas de escolas infantís municipais, escolas municipais de música e danza e instalacións deportivas, ás familias con ingresos anuais per cápita inferiores a un terzo do salario mínimo. Para aquelas que teñan ingresos inferiores á metade do SMI propoñen un desconto do 50% nesas mesmas taxas. O Bloque tamén quere facer gratuíta a entrada ao Verbum a todas as persoas xubiladas, pensionistas, desempregadas e discapacitadas e dos menores de 14 anos ao seu cargo.
Taxa do lixo
En relación á taxa pola recollida do lixo, o BNG demanda que as bonificacións tamén se apliquen para as persoas con discapacidade superior ao 65% inda que non teñan acreditado o seu grado de dependencia. Suxiren ademais unha rebaixa do 5% nesta taxa aos locais comerciais con menos de 50 metros cadrados de superficie, tal e como levan moitos anos a demandar desde o sector de oficinas e despachos, e un 30% de desconto a aquelas persoas ou actividades que teñan alternativas de compostaxe para a fracción orgánica.
Taxas urbanísticas
En relación ás taxas de tipo urbanístico, o BNG demanda que a cualificación de “proxecto empresarial de interese municipal”, que da dereito a bonificacións, sexa acordada polo Pleno e non pola Xunta de Goberno Local.
Por outra parte, propoñen un desconto do 25% nas taxas de construción, obras, instalacións e outros servizos urbanísticos para as persoas menores de 35 anos con ingresos anuais por debaixo do duplo do salario mínimo. Outra das emendas recolle unha redución do 10% nas taxas por licenza para os estabelecementos de menos de 500 metros cadrados, e un aumento do 10% para os que teñan máis superficie.
Billete do bus
O Bloque tamén anticipa a súa posición en relación á revisión de tarifas do autobús urbano para 2021. Neste sentido, demandan a conxelación do billete ordinario e dos bonos. Propoñen rebaixar os bonos estudante e social para os equiparar co prezo do bono universitario e a creación dun novo bono gratuíto para persoas desempregadas de longa duración e de baixos ingresos.