O BNG cualifica de “tomadura de pelo” a falsa reapertura do VigoSónico e denuncia a opacidade do Goberno
A fronte nacionalista denuncia que o Goberno de Caballero non ofrece ningunha explicación e esta a negarlles ilegalmente o acceso a 9 expedientes municipais relacionados co espazo xuvenil.
A concellaría de Xuventude vén de trasladarlle aos grupos musicais que os locais de ensaio seguirán sen funcionar despois de prometer a súa reapertura.
Xabier P. Igrexas: “Estamos diante dunha inaceptábel tomadura de pelo por parte de Caballero aos grupos musicais da cidade e ao conxunto da mocidade de viguesa. Que se deixen de contos e propaganda e reabran o Vigosónico xa”.
“Estamos diante dunha inaceptábel tomadura de pelo por parte de Caballero aos grupos musicais da cidade e ao conxunto da mocidade de viguesa”, valorizou o concelleiro do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, facéndose eco da denuncia da plataforma Grupos en Loita, na que facían público que desde a Concellaría de Xuventude lles viñan de trasladar que non se ía reiniciar a actividade dos locais de ensaio polo momento.
Para Igrexas, esta situación deixa en evidencia a “nefasta xestión da concellaría de Xuventude”, dirixida formalmente por Carmen Lago. “É inaceptábel que case dous anos despois o Vigosónico continúe clausurado e o único que se lles ocorra para simular a súa repaertura sexa un convenio coa fundación Paideia para unhas poucas sesións de coaching musical”, reprochou. “Non sabemos se é que a concelleira non sabe o que facía VigoSónico, se é que sabe onde está, ou era simplemente un truco para tentar gañar tempo diante das protestas dos grupos”, afirmou.
Sen respostas nin acceso aos expedientes
O portavoz municipal nacionalista demandou formalmente o pasado 8 de marzo, a través dun escrito no rexistro xeral do Pleno dirixido ao alcalde, que se desen explicacións detalladas sobre en que condicións se ía realizar a anunciada reapertura, pedindo expresamente que se aclarase se se ían prestar os mesmos servizos que viña ofrecendo o Vigosónico até a súa clausura en marzo de 2020 e que se sinalase que persoal ía asumir a súa xestión, despois de que o Goberno local decidise, en decembro de 2020, non formalizar a adxudicación da contratación da xestión do espazo.
Nese mesmo escrito, Igrexas, solicitaba ter acceso a un total de 9 expedientes municipais referidos ao VigoSónico e aos supostos informes técnicos encargados polo Goberno municipal a respeito das condicións para a súa reapertura. No entanto, transcorridos o duplo do prazo fixado polo Regulamento Orgánico do Pleno (que no seu artigo 9.4 fixa 5 días naturais) inda non se lle facilitou a documentación. Motivo polo que o pasado venres 18 o edil nacionalista rexistraba un segundo escrito reiterando a solicitude e advertindo expresamente de que se estaba a vulnerar o seu dereito á información para o efectivo exercicio efectivo das atribucións que legalmente lle corresponden como concelleiro.
O BNG tamén interpelou o Goberno local na Comisión Informativa de Xuventude, celebrada o pasado mércores 16 de febreiro, preguntando expresamente “En que condicións de servizo se vai producir a reapertura do espazo xuvenil VigoSónico, anunciada para finais do presente mes, e que persoal vai asumir a súa xestión?”, sen obter resposta ningunha.
“O Goberno de Abel Caballero tenta cubrir a súa pésima xestión no VigoSónico cun manto de opacidade negando o dereito que temos a coñecer os expedientes municipais e sen dar ningunha explicación. É un verdadeiro escándalo. Que se deixen de contos e propaganda e reabran o VigoSónico xa”, esixiu Igrexas.