O BNG esixe explicacións a Xunta e Concello de Vigo sobre as obras de Porta do Sol e Elduayen

Imaxe: twitter @Avelaia2
Imaxe: twitter @Avelaia2

A fronte nacionalista rexistra unha batería de preguntas no Parlamento galego para que a Xunta aclare que medidas ten adoptado para protexer o patrimonio histórico afectado.

Alexandra Fernández: “Estamos ante un cúmulo de actuacións de dubidosa legalidade que evidencian unha falta de dilixencia para facer cumprir co maior respecto a normativa”.

O concelleiro nacionalista en Vigo, Xabier P. Igrexas, reclamará transparencia no próximo Pleno, após ter negado o Goberno municipal o acceso aos informes arqueolóxicos.

O BNG esixe explicacións a Xunta e Concello de Vigo sobre as obras de Porta do Sol e Elduayen

O Bloque Nacionalista Galego esixe explicacións da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural sobre as irregularidades e dúbidas xurdidas arredor da construción do túnel da Porta do Sol-Elduayen. A fronte nacionalista vén de rexistrar unha batería de preguntas no Parlamento galego para que a Xunta aclare que medidas ten adoptado para a protección do patrimonio histórico afectado polas obras do túnel en Vigo.

“Estas últimas semanas estamos observando con preocupación unha serie de actuacións de dubidosa legalidade. Queremos que Patrimonio clarifique estes aspectos e garanta que se está a cumprir de forma escrupulosa con toda a normativa”, destacou a deputada do BNG no Parlamento galego, Alexandra Fernández.

As nacionalistas apuntaron algunhas “sombras” que pairan sobre as obras que nin o Goberno galego nin o municipal teñen aclarado até o momento. Entre elas, piden explicacións sobre como vai a afectar a construción do túnel sobre o Casco Vello, catalogado como Ben de Interese Cultural (BIC) e sometido a unha figura de especial protección como o Pepri, que require dunha autorización expresa do organismo da Xunta. 

“O que sabemos polo de agora é que Patrimonio informou sobre a afección sobre o subsolo, no plano arqueolóxico, pero non temos constancia de que se informara sobre a afectación a nivel do solo sobre o conxunto arquitectónico e histórico do Casco Vello”, subliñou Fernández.

A deputada nacionalista sinalou que as escavacións no tramo de Elduayen non se realizaron en toda a zona afectada pola obra, polo que se descoñece como afectarían estes traballos sobre os restos dunha antiga muralla da cidade nas proximidades co Paseo de Alfonso. Cuestionou tamén que os xacementos atopados en Elduayen foran tapados con formigón por parte do Concello de Vigo, cando Patrimonio autorizara só a cubrición con terra e mallas xeotextís para que fora posíbel removela.

O futuro do antigo pasadizo dos Canos é outra das dúbidas sobre o proxecto para as que o BNG reclama explicacións da Xunta. As obras desenterraron parte deste pasadizo, mais queda por aclarar se os restos serán destruídos cando aínda se descoñece cal é a súa función e o seu valor patrimonial. “Estamos ante un cúmulo de actuacións de dubidosa legalidade que evidencian unha falta de dilixencia de Patrimonio para facer cumprir co maior respecto a normativa”, remachou Fernández.

Interpelación no Pleno municipal

A fronte nacionalista anunciou ademais que interpelará ao goberno de Abel Caballero no próximo Pleno municipal, previsto para este mércores 23 de febreiro, ante a falla de transparencia que rodea o proxecto do túnel. “Unha opacidade total que se volve demostrar no feito inaceptábel e ilegal de que o Goberno municipal non teña remitido, tal e como solicitamos, copia do informe valorativo elaborado pola arqueóloga. Un informe que se lle nega ao BNG pero que si se remitiu ou flitrou aos medios de comunicacións”, criticou pola súa parte o concelleiro nacionalista en Vigo, Xabier P. Igrexas.


O edil do Bloque solicitou que o Goberno local aclare se conta con autorización de Patrimonio para todo o trazado do túnel, se ten os informes preceptivos sobre o ámbito especial do Casco Vello, se ten decidido que facer co pasadizo dos Canos e por que autorizou o formigonado dos xacementos atopados en Elduayen. “A cidade merece saber e que se xestione con transparencia e absoluto respecto á legalidade vixente un aspecto tan importante como é o patrimonio histórico de Vigo”, engadiu Igrexas.
O BNG esixe explicacións a Xunta e Concello de Vigo sobre as obras de Porta do Sol e Elduayen