O BNG defende “declarar a guerra á especulación” dos pisos turísticos en Vigo con 11 emendas á ordenanza
A fronte nacionalista critica a “regulación moi laxa e a falla de controis efectivos” no proxecto do Goberno de Abel Caballero: “Non protexe o dereito á vivenda fronte á presión turística”
Propón endurecer as condicións urbanísticas e requisitos para frear a proliferación das VUT
Xabier P. Igrexas: “Con estas emendas queremos que Vigo se coloque á cabeza das cidades galegas e do conxunto do Estado na restrición das vivendas de uso turístico”
O Bloque Nacionalista Galego vén de rexistrar 11 emendas ao proxecto de ordenanza municipal para regular as vivendas de uso turístico (VUT) en Vigo. A fronte nacionalista defende endurecer as condicións para “declarar a guerra á especulación” en lugar do texto aprobado polo Goberno de Abel Caballero, que tacha de “simulación” por non protexer o dereito á vivenda.
O portavoz municipal, Xabier P. Igrexas, lembrou que o BNG leva anos esixindo que o Concello de Vigo poña freo á proliferación das VUT - medraron en máis de 2.000 nos últimos tres anos- polo seu “impacto directo e grave” sobre os prezos da vivenda e na redución dos inmóbeis dispoñíbeis. “Hai xa 5 pisos turísticos por cada vivenda dispoñíbel para alugueiro residencial na nosa cidade”, alertou.
Igrexas criticou o proxecto de ordenanza municipal presentado polo Goberno local por contar cunha regulación “moi laxa”, por detrás das medidas aplicadas en cidades como na Coruña e Santiago, e por carecer de controis efectivos para limitar o aumento de pisos turísticos. “É un texto frouxo, cheo de vanas declaracións de intencións, pero sen ferramentas reais para intervir nin medidas concretas mentres o problema segue medrando”, valorou.
Dende o Bloque veñen de rexistrar, por este motivo, unha batería de 11 emendas cunha “idea central”: que a ordenanza protexa o dereito social á vivenda e evite a saturación turística. Unha cuestión que piden incorporar no obxecto da norma, “para que non haxa dúbidas”, nun contexto que cualifican de “emerxencia habitacional” con miles de familias traballadoras e mocidade que non se poden permitir alugueiros por riba dos 700 euros mensuais, o prezo medio na cidade.
“Vigo necesita unha ordenanza valente, útil e xuridicamente sólida, que nos coloque á cabeza das cidades galegas e do conxunto do Estado na restrición das vivendas de uso turístico”, destacou Igrexas. “Se o rendismo especulativo declarou a guerra ao dereito social á vivenda, o BNG defendemos que o Concello declare a guerra aos pisos turísticos despregando con toda a contundencia todos os medios legais para frealos”, enfatizou.
Moratoria e suspensión de novas VUT
Entre as emendas, a fronte nacionalista demanda aplicar no inmediato unha moratoria de entre 18 e 24 meses na que non se tramite ningunha nova autorización para VUT até que o Concello elabore un estudo para analizar a saturación destes inmóbeis na cidade. Unha medida que piden que vaia acompañada, cunha disposición adicional, da suspensión automática de novos pisos turísticos naquelas zonas onde o prezo medio do alugueiro residencial teña incrementado por riba do IPC durante o último ano.
Sen dereito perpetuo
O BNG chama tamén a estabelecer condicións na ordenanza sobre as VUT existentes para que a autorización en vigor non se converta nun “dereito perpetuo”. Con ese fin, propoñen que o título habilitante teña unha duración máxima de 5 anos, sen prórroga automática. Aliás, demanda que todos os pisos turísticos que contan xa coa autorización municipal soliciten, nun máximo de 3 meses, a declaración de conformidade urbanística en base ás condicións fixadas na ordenanza, como as medidas de protección contra incendios para o uso terciario-hoteleiro así como os requisitos de habitabilidade e accesibilidade.
Evitar a saturación e xentrificación
Para a fronte nacionalista é necesario endurecer tamén as condicións urbanísticas para a implantación de novas VUT. Entre elas, que só poidan instalarse en baixos ou en primeiros andares de bloques residenciais, sempre e cando conten con acceso absolutamente independente; fixar unha distancia mínima de 250 metros entre portais daqueles bloques que teñen pisos turísticos para “evitar a saturación e a xentrificación”; e impedir que se autoricen en inmóbeis con menos de 50 metros cadrados ou con menos de dos dormitorios, os chamados micropisos turísticos, que impiden o acceso a vivendas de menor tamaño fundamentais para persoas mozas, soas ou de baixos recursos.
Máximo do 1% en cada rúa e barrio
Dende o Bloque reclaman ademais fixar un máximo de VUT na cidade, para que “en ningún caso” superen o 1% do total de inmóbeis existentes en cada rúa, barrio, distrito ou sección censal. Unha medida que, ao seu xuízo, evitará a saturación en zonas da cidade e que debe supoñer a suspensión automática de novas autorizacións de producirse. Na mesma liña, demandan que se certifique que no caso de bloques residencias non existe unha prohibición por parte da comunidade de propietarios.Control e inspeccións
“Sen inspección, sen rexistros públicos e sen transparencia, calquera ordenanza é papel mollado”, afirma o portavoz municipal do BNG, esixindo que o Concello realice inspeccións periódicas destes pisos turísticos e dea conta con informes no Pleno para “saber cantas VUT hai, onde están e se cumpren a legalidade”.
