O BNG defende o partido xudicial de Vigo e insta á Xunta a iniciar a transferencia da xustiza
Presentada a modo de engádega a unha moción do PsdG en defensa do partido xudicial vigués, o Bloque insta á Xunta a cumprir as súas obrigas estatutarias en materia de xustiza e iniciar os trámites para a súa transferencia. Ademais, a proposta do BNG insta á Xunta a reclamar do goberno estatal a paralizar a reforma prevista polo Ministerio de Xustiza.
Gallardón consigue poñer de acordo a todo o mundo, acada o consenso por oposición, salientou a portavoz municipal do BNG, Iolanda Veloso, na súa intervención, quen asegurou que sería un prexuízo enorme para a cidade a eliminación do partido xudicial vigués.
Iolanda Veloso tamén expresou o apoio do grupo nacionalista á moción do PP en defensa do partido xudicial. Apoiamos as dúas mocións porque temos claro que o partido xudicial de Vigo ten que seguir existindo, manifestou ao respecto. Agardamos que o PP teña algunha influenza no ministro, comentou.
Para a portavoz nacionalista, a proposta do ministro de Xustiza afasta aínda máis a xustiza da cidadanía, especialmente tras a aplicación das taxas xudiciais. Necesitaríamos máis xulgados en Galiza e tamén en Vigo, e o que se propón é xusto o contrario, subliñou.
Segundo destacou Veloso, non sabemos cales son os beneficiois da reforma xudicial proposta por Gallardón. Pero si estamos convencidos de que tanto se é en Vigo ou en Pontevedra o único partido xudicial, o servizo empeora moito, sinalou.
Sanidade
Por outro lado, o Bloque respaldou a moción presentada polo PsdG que demanda á Consellería de Sanidade e ao Sergas a mellorar as listas de espera na área sanitaria de Vigo. Neste sentido, o concelleiro nacionalista Santi Domínguez criticou as políticas sanitarias do PP, xa que segundo expresou van encamiñadas ao deterioro constante e programado da sanidade pública para que grandes compañías privadas sigan gañando.