O Bloque reclama ao goberno local e á Xunta que se impliquen na defensa do emprego en Vigo

O Bloque reclama ao goberno local e á Xunta que se impliquen na defensa do emprego en Vigo

O BNG esixe ao goberno da cidade e á Xunta de Galiza que se impliquen na defensa efectiva do emprego en Vigo. Neste contexto se enmarca a pregunta formulada pola portavoz municipal nacionalista, Iolanda Veloso, para saber se o alcalde se puxera en contacto comité de empresa de Unísono en relación ao ERE no que está inmerso a empresa e que afecta a 97 traballadores e traballadoras.

“O goberno local ten que implicarse activamente para que as empresas situadas na nosa cidade, non deslocalicen os serus servizos e sigamos a perder postos de traballo”, defendeu a portavoz municipal do BNG.

O BNG apoiou a moción presentada polo PsdG que reclama á Consellería de Traballo e Benestar a adicar políticas activas de emprego na cidade en función da poboación e do número de desempregados, eliminando o teito fixado para os plans de cooperación.

Ao respecto, o concelleiro Xabier Alonso criticou o papel do presidente da Xunta lembrando a súa promesa de rematar co paro en 45 días. “Ademais de non cumprir, nestes anos aumentou o desemprego e non puxo en marcha ningunha medida para remedialo”, denunciou o nacionalista, quen tamén criticou que Feijoo axudara “a vender empresas competentes do sector naval”.

Precisamente en función destes argumentos o Bloque rexeitou respaldar unha moción do PP que instaba a crear unha bolsa e un boletín de emprego municipal para facilitar a intermediación entre as empresas e os posibles traballadores. “No BNG non podemos votar a favor dunha moción de emprego do PP, cando é o PP o que ten as competencias en materia de emprego tanto na Xunta como no goberno do Estado”, subliñou Xabier Alonso.

 

O Bloque reclama ao goberno local e á Xunta que se impliquen na defensa do emprego en Vigo