O BNG demanda o campo de béisbol prometido por Caballero para que o club Trasnos poida competir en Vigo
A fronte nacionalista afea que o equipo vigués leve 8 anos competindo como local na Coruña e Oviedo malia o compromiso do alcalde de construír as instalacións en 2016
Filipe Abalde: “Hai que garantir que o béisbol conte cun campo na cidade na temporada 25/26; o deporte vigués non pode permitirse o luxo de ver desaparecer os Trasnos”
O Bloque Nacionalista Galego demanda o campo de béisbol prometido por Abel Caballero para que o club Trasnos poida competir en Vigo. A fronte nacionalista reclama unha partida económica nos orzamentos municipais de 2025 para elaborar o proxecto e iniciar a construción das instalacións e rematar así co “inxusto maltrato” contra o equipo vigués, que leva 8 anos competindo como local nun campo da Coruña (e nalgunha ocasión até en Oviedo) malia o compromiso reiterado do alcalde.
“Abel Caballero prometeu en 2016 que Vigo ía volver contar cun campo de béisbol, e pouco antes das eleccións municipais de 2023 reiterou esa promesa asegurando que remodelaría o antigo e abandonado campo das Plantas en Bembrive, pero a realidade é que non existe tal proxecto”, denunciou o concelleiro do BNG de Vigo, Filipe Abalde.
Abalde afeou que un Concello como Vigo que deixou 115 millóns de euros do orzamento municipal o pasado ano leve “castigando” durante oito anos ao club de béisbol da maior cidade galega. “É un síntoma máis da nefasta política deportiva do Goberno local e da incompetencia do concelleiro Manel Fernández”, criticou o edil nacionalista, que vai trasladar esta demanda na vindeira Comisión Informativa de Deportes.
Dende o Bloque aseguraron que o club Trasnos leva anos advertindo da “situación límite” que padecen por non dispoñer dunhas instalacións dignas na cidade, xerando un “elevado sobrecusto e sobrecarga” para xogadores e familias. “Esta situación pon en risco a propia continuidade do club e, se non toman medidas para evitalo, pode correr a mesma sorte que o desaparecido club Los Halcones en 2019 despois de xogar na máxima categoría”.
O concelleiro do BNG urxiu por iso a pasar das promesas aos feitos para facer realidade na temporada 2025/2026 unhas instalacións dignas onde se poidan celebrar competicións oficiais de béisbol na cidade. “O deporte vigués non pode permitirse o luxo de ver desaparecer o club Trasnos e, como maior cidade de Galiza, non podemos continuar carecendo dun campo de béisbol”, remachou Abalde.