O BNG destaca Conxemar como expresión do potencial pesqueiro de Galiza e pide un maior apoio ao sector
A fronte nacionalista defende que se retiren os atrancos á renovación da frota, que se estimule o consumo de peixe coa rebaixa do IVE e alargar o Perte da cadea mar-industria
Demanda incluír a ampliación do Ifevi nos orzamentos da Xunta do vindeiro ano e destinar máis recursos para revitalizar o instituto feiral apostando polo turismo MICE
O Bloque Nacionalista Galego destaca Conxemar como expresión do potencial pesqueiro de Galiza e pide un maior apoio para este sector. Así o demandaron este xoves a portavoz de Pesca do BNG, Rosana Pérez, e o voceiro municipal en Vigo, Xabier P. Igrexas, durante unha visita á 25ª edición da feira xunto coa tamén deputada Carmela González e o deputado Brais Ruanova.
A representación do Bloque tivo ocasión de poñer en común, con representantes de Conxemar e de distintas empresas, os retos que enfronta este sector estratéxico para a área de Vigo e Galiza. “Comprobamos como a feira está moi viva, ten moito futuro, pero precisa de maior apoio de todas as administracións”, salientou Pérez.
Entre as demandas, dende a fronte nacionalista esixiron facer realidade dunha vez a reivindicada e demorada ampliación do Instituto Feiral de Vigo (Ifevi) nun momento no que parece existir consenso institucional entre a Xunta de Galiza e o Concello. Nese sentido, reclamaron que vindeiros orzamentos galegos para o ano 2025 se inclúa unha partida para este fin e para a mellora dos acceso, dotando de máis espazo a feiras como Conxemar como “revitalizando” este espazo que está “infrautilizado”.
Renovación da frota e rebaixa do IVE
A deputada do BNG chamou a unha maior implicación institucional diante dos retos e problemas que enfronta o sector da pesca como as restricións para a pesca e os atrancos para a renovación e descarbonización da frota. Aliás, chamou a estimular o consumo de produtos do mar atendendo a demanda histórica do sector para unha rebaixa do IVE, na liña de moitos países europeos.
Pérez referiuse tamén aos Perte da cadea mar-industria, afeando as dificultades para facelos realidade e a “insuficiencia” dos recursos previstos para unha industria que, destacou, é unha “potencia” que xera miles de postos de traballo en Galiza. “Non poderemos ter soberanía alimentar se non apoiamos con todos os medios ao sector e fomentamos o consumo dos seus produtos”, defendeu.
Apostar polo turismo MICE
Pola súa banda, o portavoz municipal en Vigo, Xabier P. Igrexas, puxo en valor o papel motor económico desta feira, que cumpre 25 anos na cidade. “O éxito de Conxemar evidencia a necesidade de revitalizar e dotar de máis medios a Vigo Convention Bureau, impulsada polo Bloque dende o Goberno local e que hoxe practicamente fica en estado de coma”, lamentou.
Unha iniciativa que, defendeu, ten que permitir explotar todas as potencialidades do Ifevi convertendo Vigo nun referente do turismo MICE. “Un turismo de verdade, de grandes congresos e feiras, que ten un importante retorno económico en favor da cidade fronte ao excursionismo de masas que quere patrocinar Abel Caballero”, remachou Igrexas.