O BNG pide atender as demandas da mocidade e do estudantado ante as deficiencias do bus urbano en Vigo
A fronte nacionalista reclama mellores frecuencias cos institutos do Meixoeiro e coas “obsoletas” lanzadeiras do CUVI, recuperar as liñas nocturnas recortadas e equiparar o bono estudantil co universitario
Afea o “inxustificábel desprezo de Abel Caballero provocando de forma deliberada” ao persoal de Vitrasa durante unha protesta esta semana
Xabier P. Igrexas: “O alcalde ten que deixar de ser parte importante do problema coa súa complicidade con Vitrasa para ser parte da solución aos graves problemas do bus”
O Bloque Nacionalista Galego pide atender as demandas da mocidade e do estudantado de Vigo ante as deficiencias do bus urbano e os problemas de mobilidade. Así o reclamou este venres o portavoz municipal do BNG, Xabier P. Igrexas, tras manter unha xuntanza con representantes da organización estudantil Erguer e de Galiza Nova para coñecer as principais necesidades e reivindicacións da xente nova da cidade. “Abel Caballero ten que deixar de castigar á mocidade da nosa cidade”, afirmou.
Igrexas reclamou en primeiro lugar mellorar as conexión de bus cos institutos da contorna do Meixoeiro diante das reiteradas protestas dos propios estudantes. “Os malos horarios e a falla de frecuencias da liña 15C están a provocar que o alumnado chegue en moitos casos con 10 e 15 minutos de atraso ás aulas”, denunciou, lamentando que o Goberno municipal non teña dado resposta a estas queixas durante semanas.
O portavoz nacionalista demandou tamén mellorar o “absolutamente obsoleto e insuficiente” modelo de lanzadeiras cara o Campus Universitario de Vigo (CUVI). No mesmo sentido, cuestionou a “inxustificábel” supresión de liñas nocturnas N2 e N3, así como o recorte das frecuencias da liña N1, que deixa sen alternativas de mobilidade á mocidade.
Aliás, dende o BNG reiteraron a “inxustiza” que padece o estudantado non universitario, que paga un 27% máis caro o bus que as e os universitarios e teñen apenas un desconto de 2 céntimos en relación ao bono xeral. Igrexas reclamou equiparar as tarifas das tarxetas para todo o alumnado, sexa cal sexa o nivel educativo. Unha proposta que, criticou, foi rexeitada polo Goberno local durante o debate das ordenanzas fiscais para o vindeiro ano.
Desprezo do alcalde contra o persoal de Vitrasa
O voceiro municipal do Bloque referiuse ademais ao “inxustificábel desprezo do alcalde provocando de forma deliberada” ao persoal de Vitrasa durante unha protesta esta semana. “O que ten que facer Caballero é escoitar as xustas reivindicacións dos traballadores e traballadoras deste servizo de titularidade municipal, en lugar de insistir en se aliñar de forma cómplice coa dirección da empresa concesionaria contra o interese público xeral”.
Nese sentido, Igrexas urxiu unha rectificación completa na posición do Goberno municipal. “O alcalde ten que deixar de ser parte importante do problema para ser parte da solución aos graves problemas do bus que demanda cada vez con maior intensidade a veciñanza”, remachou.