O BNG denuncia que o Concello deu instrucións para obrigar a exhibir os animais de VigoZoo
A fronte nacionalista esixe aclarar se seguen vixentes as indicacións de abril de 2021 para que se pechen os cubís interiores co fin de favorecer a observación do público, decisión imposta contra o criterio de parte do persoal coidador
Xabier P. Igrexas: “O BNG apostamos por facer de Vigo unha cidade referente no benestar animal, que é incompatíbel co actual modelo de cárcere-circo de Abel Caballero”
O Bloque Nacionalista Galego denuncia que o Concello deu instrucións para obrigar a exhibir os animais de VigoZoo. A fronte nacionalista revela que o Goberno municipal deu indicacións en abril de 2021 para que o persoal coidador pechara as portas de acceso aos cubís interiores —en diferentes recintos das seccións de félidos, bóvidos e aves— forzando así aos animais a estar no exterior antes da apertura co fin de favorecer a observación por parte do público.
“Unha instrución que se impuxo contra o criterio técnico e científico de parte do persoal coidador e que demostra como o Goberno municipal de Abel Caballero insiste nun modelo exhibicionista para VigoZoo que trata os animais baixo custodia municipal como meras atraccións de feira”, valorou o concelleiro e candidato do BNG á Alcaldía de Vigo, Xabier P. Igrexas.
O edil do Bloque adiantou que van dirixir este mesmo luns un escrito á concelleira de Medio Ambiente, Nuria Rodríguez, para esixirlle que aclare se está instrución segue vixente a día de hoxe. Ademais, o edil do Bloque reclamou de novo acceso completo á documentación e aos informes do Concello relacionada coa morte de 13 animais nos últimos tres anos en VigoZoo, que xa foi requerida polas nacionalistas o pasado 6 de marzo.
Igrexas reiterou que a aposta do BNG para facer de Vigo unha cidade referente no benestar animal é “absolutamente incompatíbel con seguir insistindo no actual modelo de cárcere-circo” do Goberno municipal. Nese sentido, defendeu a necesidade dun “xiro de 180 graos” para avanzar cara a estratexia ZooXXI e transformar este espazo nun gran centro de conservación de fauna e de sensibilización ambiental, na liña da proposta realizada durante os últimos anos polo Bloque a través de sucesivas emendas aos orzamentos municipais.