O BNG de Vigo aposta en potenciar o turismo de congresos e convencións na cidade

A fronte nacionalista propón revitalizar a Fundación Vigo Convention Bureau para desenvolver as “enormes potencialidades” da cidade na captación de congresos e convencións que xeren un turismo sustentábel, desestacionalizado e de valor engadido

Xabier P. Igrexas, candidato á alcaldía: “Hai quen prefire vivir na súa fábula infantil de cifras imposíbeis de visitantes e retornos imaxinarios do nadal, mentres outras cidades con moito menos potencial que Vigo logran referenciarse cun turismo de calidade”

O BNG de Vigo aposta en potenciar o turismo de congresos e convencións na cidade

O Bloque Nacionalista Galego aposta en desenvolver as potencialidades de Vigo como destino MICE (Meeting, Incentives, Conferencing and Exhibitions, en inglés), revitalizando a Fundación Vigo Convention Bureau (VCB) e dinamizando os grandes espazos e auditorios cos que conta a cidade.

O concelleiro e candidato á alcaldía do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, defendeu a necesidade de “reorientar o actual modelo turístico de excursionismo masificado para avanzar cara a un máis sustentábel, desestacionalizado e que xere valor engadido”. “Vigo ten un enorme potencial no ámbito do turismos de congresos, convencións feiras e exhibicións, pola nosa localización xeográfica privilexiada no eixo Atlántico, polo enorme dinamismo económico e produtivo que temos como maior cidade galega, por contarmos con auditorios e espazos de primeiro nivel e por unha traxectoria de éxito organizado grandes eventos como Conxemar ou a Mindtech”, explicou Igrexas.

“Fronte a quen patrocina o xa superado modelo do excursionismo masivo, que satura a cidade e ten claros impactos negativos en termos de habitabilidade e sustentabilidade da cidade, o turismo MICE ofrece importantes retornos económicos e unha proxección internacional como cidade moito máis sólida”, defende o candidato nacionalista.

Revitalizar a VCB
Desde o BNG apostan en revitalizar a Fundación Vigo Convention Bureau (VCB), como instrumento para promover a realización na nosa cidade de congresos, convencións, ferias e exhibicións e para dinamizar os grandes espazos expositivos e auditorios cos que conta Vigo. 

A VCB naceu en 2008 da man do propio BNG desde o Goberno local, co obxectivo de captar a organización de eventos nacionais e internacionais, pero desde hai máis dunha década atravesa un evidente estancamento pola falla de financiamento e de dinamización da entidade. 

“Hai quen prefire vivir na súa fábula infantil de cifras imposíbeis de visitantes e retornos imaxinarios do nadal, mentres outras cidades con menos potencial que Vigo logran referenciarse cun turismo de calidade”, lamentou Igrexas.
 

O BNG de Vigo aposta en potenciar o turismo de congresos e convencións na cidade