O BNG de Vigo denuncia a pinza de PSOE e PP para aprobar un novo PXOM "ao servizo dos poderosos intereses dos de sempre"
A fronte nacionalista esixe transparencia sobre a tramitación final do novo Plan Xeral coa comparecencia da equipa redactora e facendo públicos de maneira accesíbel todos os cambios aplicados sobre o documento inicial
Xabier P. Igrexas: “Non hai precedentes dunha xestión tan escura e tan pouco participativa dun planeamento urbanístico en toda a historia da cidade de Vigo”
O Bloque Nacionalista Galego denuncia a pinza do PSOE e do PP de cara á aprobación do novo Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM). A fronte nacionalista esixe transparencia sobre a tramitación final do planeamento urbanístico coa comparecencia da equipa redactora e facendo públicos de maneira accesíbel todos os cambios aplicados sobre o documento inicial.
“O novo PXOM foi elaborado ao servizo dos mesmos poderosos intereses dos de sempre, de costas á veciñanza e non responde ao interese xeral da cidade”, valorou o portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, quen acusou aos grupos socialista e popular de “non ter inconveniente en darse unha tregua na súa permanente lea partidista” para a aprobación do Plan Xeral.
Igrexas insistiu na necesidade de transparentar os pasos restantes para a aprobación final do documento urbanístico que, lamentou, segue “o mesmo guión de total opacidade” dende o inicio da súa elaboración. Nese sentido, afeou a falla de información por parte da concelleira de Urbanismo no Consello da Xerencia Municipal celebrado este martes. Un asunto que, reprochou, non figuraba na orde do día.
“É escandaloso que nos teñamos que enterar da recepción do informe da Xunta, que é preceptivo e vinculante, a través dos medios de comunicación”, criticou o portavoz municipal do BNG, asegurando que “non hai precedentes dunha xestión tan escura e tan pouco participativa dun planeamento urbanístico en toda a historia da cidade de Vigo”.
Dende a fronte nacionalista reclamaron por estes motivos a comparecencia da equipa redactora da revisión do PXOM para dar conta das modificacións sobre o documento dende a aprobación provisional e atendendo os informes emitidos polo Goberno galego. Na mesma liña, demandou que se habilite no navegador web unha capa que inclúa a nova versión do PXOM para permitir identificar os cambios realizados.
Cambios pola porta de atrás
“Non queremos que se volva repetir o que xa vivimos na aprobación provisional, o pasado mes de decembro, onde o Goberno de Caballero pretendeu colar pola porta de atrás cambios regresivos sobre un mal documento de aprobación inicial”, advertiu Igrexas, salientando precedentes como intento de legalizar o pelotazo da urbanización de chalés VIP en Cabo Estai ou proxectos que supoñen unha “ameaza ambiental” como o Vigo Arena nun enclave valioso como a carballeira de Casaliños, na Barroca en Navia.
Así, o portavoz municipal nacionalista chamou a facer visíbel e accesíbel todas as modificacións do novo PXOM. “Porque sabemos que sobre a coartada de ser un ‘documento vivo’, como repite a señora Caride, o que pretenden é ir colando ás agachadas modificacións que inda empeoran o proxecto inicial”, alertou.
Tamén se referiu ao papel do PP dende a Xunta de Galiza, criticando que dea “carta branca a un novo Plan Xeral elaborado na escuridade dos despachos, que tronza as parroquias con viais innecesarios como a PO-010, que desiste de mobilizar o enorme parque de 22 mil vivendas baleiras, que legaliza pola porta de atrás pelotazos especulativos, que renuncia a alternativas de mobilidade ao uso do coche e que vai impedir recuperar completamente espazos ambientais como o areal de Samil”.