O BNG de Vigo esixe información sobre o estudo encargado por Caballero para o novo modelo de bus
A fronte nacionalista denuncia que “ninguén sabe nada” a dez días de rematar o prazo para a execución do informe, adxudicado en decembro de 2023 por 319 mil euros
Xabier P. Igrexas: “O Goberno municipal négase a dialogar co movemento veciñal de cara a mellorar un servizo de bus que hoxe é absolutamente insuficiente e moi deficiente”
O Bloque Nacionalista Galego esixe información sobre o estudo encargado polo Goberno de Abel Caballero sobre a demanda do transporte urbano colectivo de Vigo. A fronte nacionalista denuncia que “ninguén sabe nada” a falta de dez días para que remate o prazo de execución do informe, adxudicado en decembro do ano 2023 por un importe de 319 mil euros.
O portavoz municipal do BNG, Xabier P. Igrexas, lembrou que as empresas encargadas do estudo comprometéronse a realizar máis de 4 mil enquisas a fogares e persoas usuarias. “A día de hoxe non temos nin constancia de que se teña realizado unha soa”, alertou sobre un informe que, en base ao contrato e ás declaracións do alcalde, ten que ser a folla de ruta para deseñar a rede de bus urbano da cidade de cara á renovación do servizo en xuño de 2025, data na que conclúe a actual concesión de Vitrasa.
“Esperemos que non quede no mesmo que aquelas enquisa fake realizada por Vitrasa en 2018, na que sorprendentemente non se preguntaba nin sobre as frecuencias, nin sobre os horarios, nin sobre os tempos de traxecto, nin sobre o mapa de liñas, nin sobre o prezo ou a comodidade e seguridade dos buses”, advertiu o portavoz municipal nacionalista.
Nulo diálogo social
A este silencio sobre o estudo, dende o BNG engadiron tamén a falla de diálogo social do Goberno de Caballero para definir o futuro do bus urbano de Vigo. Nese sentido, censurou que o Consello Sectorial de Transportes do Concello leve anos sen convocarse e, no actual mandato, inda non se teña constituído este organismo. Ademais, criticou a falla de interlocución co movemento veciñal, coas organizacións sindicais e con colectivos de usuarias e usuarios de cara a recoller as amplas demandas existentes para a mellora do servizo que, denunciou Igrexas, hoxe é “absolutamente insuficiente e moi deficiente” como evidencia o recorte de 250 frecuencias diarias dende o ano 2019.
Servizo de bus baixo xestión pública
O portavoz municipal do Bloque insistiu na “grande oportunidade” para Vigo que se abre coa fin da concesión de Vitrasa en 2025 para que a cidade conte cun servizo de bus urbano “á altura da maior cidade de Galiza”. Un servizo que, defenden dende a fronte nacionalista, debe pasar a estar baixo xestión pública coa súa remunicipalización polo seu carácter “estratéxico e esencial” para a veciñanza e na liña do que están facendo outras cidades do Estado e de Europa.
“Un primeiro paso que nos permita despregar un modelo de mobilidade alternativo, que dea opcións reais ao uso do coche particular, que conecte e vertebre o conxunto dos barrios e parroquias par avanzar cara a unha cidade máis habitábel, máis segura e moito máis sustentábel en termos ambientais”, remachou.