O BNG denuncia que o PP de Marta Fernández-Tapias volve “castigar” a Vigo nos orzamentos da Xunta para 2023
A fronte nacionalista critica que o “rodete da maioría absoluta do PP” tombara todas as emendas do Bloque para incrementar en 135 millóns de euros os investimentos na cidade
Os populares rexeitaron poñer en marcha un plan de reactivación industrial, reforzar a sanidade pública, crear cinco novas escolas infantís ou despregar unha bolsa de vivendas sociais, entre outras propostas do BNG
Xabier P. Igrexas: “O Goberno galego do PP decidiu prorrogar un ano máis a política de total abandono que aplican contra a maior cidade de Galiza desde hai máis de 13 anos”
O Bloque Nacionalista Galego denuncia que os orzamentos da Xunta para 2023 son un “novo castigo” do PP contra Vigo. A fronte nacionalista critica que o “rodete da maioría absoluta” dos populares no Parlamento galego tombara todas as emendas formuladas polo Bloque, que buscaban incrementar en 135 millóns de euros os investimentos na cidade.
“O Goberno galego do PP decidiu prorrogar un ano máis a política de total abandono que aplican en contra da cidade desde hai máis de 13 anos”, censurou o concelleiro e candidato do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, que acusou á delegada da Xunta e cabeza de lista dos populares, Marta Fernández-Tapias, de “virarlle descaradamente as costas ás necesidades da maior cidade de Galiza”.
Así, o edil nacionalista afeou que o PP rexeitara poñer en marcha o plan de reactivación industrial, económica e produtiva proposto polo Bloque. Unha medida que, a xuízo do BNG, permitiría “enfrontar a situación gravísima de desemprego e de crise industrial que atravesa Vigo e a súa comarca”.
Lamentou tamén a negativa do Goberno galego de “reverter dunha vez por todas as políticas que a golpe de privatizacións e recortes converteron a área de Vigo na verdadeira zona cero da desfeita sanitaria”. Entre as emendas das nacionalistas rexeitadas, destacan a demanda de recuperar a xestión pública do Hospital Álvaro Cunqueiro, a absorción de Povisa na rede do Sergas, o reforzo dunha Atención Primaria “en situación límite” e dotar á cidade de dous novos Puntos de Atención Continuada (PAC) en Navia-Coia e Teis.
Igrexas cuestionou ademais que o PP votara que non a construír cinco novas escolas infantís públicas en Vigo, diante da actual falla de oferta que deixa a dúas de cada tres crianzas sen praza cada ano, así como a despregar unha bolsa de vivendas sociais que facilite o acceso nunha cidade na que os prezos do alugueiro incrementaron até un 40% nos últimos anos.
“A señora Fernández-Tapias dixo no momento de ser indixitada como candidata do PP á alcaldía que ía defender Vigo, mais o certo é que o goberno que ela representa vén de volver a castigar ás viguesas e aos vigueses con estes orzamentos para 2023”, asegurou o concelleiro nacionalista
O candidato do BNG de Vigo asegurou que “a cidade vai tomar moi boa nota desta nova agresión do PP” cara as vindeiras eleccións municipais de maio, nas que augurou que os populares van recibir “un durísimo e xusto correctivo nas urnas” facendo, por contra, que “Vigo sexamos o motor do cambio galego cun BNG determinante”.