O BNG arranca a campaña electoral sen límites para sumar as moitas viguesas e vigueses que saben e senten que ‘Vigo merece máis’
A fronte nacionalista encara con “entusiasmo e optimismo” as eleccións municipais tendendo a man a toda a veciñanza para empurrar o seu proxecto “aberto e en positivo para levar a cidade máis alá”
Xabier P. Igrexas, candidato á Alcaldía: “As viguesas e vigueses teñen a oportunidadede escoller entre quen só pode ofrecer máis do mesmo ou apostar por unha alternativa que abra un tempo novo na maior cidade de Galiza”
Sobre o barómetro do CIS, o cabeza de lista destaca que o Bloque é a “forza á alza” en Vigo e asegura que van ser a “grande sorpresa o 28 de maio”
O Bloque Nacionalista Galego arranca a campaña electoral “sen límites” co obxectivo de sumar as moitas viguesas e vigueses que saben e senten que ‘Vigo merece máis’, lema de campaña das nacionalistas. Así o afirmou o candidato do BNG á Alcaldía, Xabier P. Igrexas, no inicio da campaña das eleccións municipais que encaran con “entusiasmo e optimismo” tendendo a man a toda a veciñanza para empurrar o seu proxecto “aberto e en positivo para levar a cidade máis alá”.
Igrexas valorou que a cita do 28 de maio é “unha grande oportunidade” para que a veciñanza de Vigo defina un “novo rumbo e horizonte” para a cidade. “Durante os vindeiros días haberá quen se encargue de que repetir que o resultado das eleccións está escrito, pero estamos convencidas e convencidos de que o escenario está moito máis aberto do que algúns queren facernos crer”, destacou.
O cabeza de lista asegurou que as viguesas e os vigueses van poder escoller entre “quen só pode ofrecer máis do mesmo” ou apostar pola alternativa do BNG para “abrir un tempo novo” na cidade. Chamou nese sentido a “construír entre todas e todos” un Vigo máis habitábel e moito máis verde, socialmente xusto e igualitario, que volva ser o pulmón industrial e produtivo de Galiza, vangarda na creación cultural e que exerza o papel que lle corresponde como maior cidade galega, como motor de todo un País.
O BNG, a forza á alza
O cabeza de lista realizou tamén unha valoración do barómetro publicado este xoves polo CIS que, ao seu xuízo, confirma a “tendencia” de anteriores enquisas que sitúan o BNG como a “forza á alza” en Vigo. “O apoio cara a nosa alternativa en positivo non deixa de medrar e temos a certeza de que imos ser a grande sorpresa o 28 de maio”, augurou.
Na mesma, a coordinadora local de campaña do Bloque, Carmela González, puxo en valor que Igrexas volva recibir a mellor valoración de entre as forzas da oposición e o aumento na intención de voto. “O CIS deixa claro que estamos en condicións de dar un grande salto adiante que nos pode converter na segunda forza na cidade, liderando a alternativa política desde unha posición determinante”, salientou.
González destacou tamén que o BNG é a primeira forza entre as e os votantes que a día de hoxe non teñen decidido o seu voto. “Poden ter a certeza de que un voto ao BNG será garantía do cambio de rumbo que necesita Vigo”, afirmou.