O BNG urxe ao Goberno español a actuar contra a contaminación de Stellantis na parroquia viguesa de Matamá
A fronte nacionalista rexistra iniciativas no Congreso para que a Zona Franca de Vigo, responsábel do polígono de Balaídos, poña fin a dúas décadas de emisións de micropartículas de pintura, ruídos e cheiros “insoportábeis”
Néstor Rego: “O BNG demandamos que o Goberno español, dentro das súas competencias, atenda dunha vez as denuncias das veciñas e dos veciños”
Xabier P. Igrexas: “Xunta, Concello e Zona Franca non moveron un só dedo para defender o dereito da veciñanza de Matamá a poder vivir de maneira segura e tranquila”
O Bloque Nacionalista Galego urxe ao Goberno español a actuar contra a contaminación de Stellantis na parroquia viguesa de Matamá. A fronte nacionalista vén de rexistrar iniciativas no Congreso para que a Zona Franca de Vigo, dependente do Executivo central e responsábel do polígono de Balaídos, poña fin a dúas décadas de emisións de micropartículas de pintura, ruídos e cheiros “insoportábeis”.
“O Goberno español ten que atender dunha vez, dentro das súas competencias, as denuncias dos veciños e veciñas de Roupeiro e Parada que, dende hai dúas décadas, padecen a continua contaminación provocada pola factoría”, demandou o portavoz do BNG no Congreso, Néstor Rego, que presentou unha Proposición non de Lei instando a dar respostas urxentes diante das “graves afeccións sobre a vida e a saúde” da veciñanza de Matamá.
Rego asegurou que esta situación non pode continuar demorándose despois de 20 anos de denuncias ante diferentes institucións, como o Concello de Vigo, a Xunta de Galiza, a Valedora do Pobo e os tribunais de Xustiza, que responsabilizou a Stellantis desa contaminación por partículas de pintura que respiran centos de persoas a diario, e que provocan tamén danos nas vivendas, nos vehículos e nos cultivos.
Caballero tenta agravar o problema co novo PXOM
No mesmo sentido, o candidato do BNG á Alcaldía de Vigo, Xabier P. Igrexas, criticou a “inacción” dos Gobernos galego e municipal e da Zona Franca de Vigo. “Non moveron un só dedo para defender o dereito da veciñanza de Matamá a poder vivir de maneira segura e tranquila nas súas casas inda que estean situadas a carón dunha fábrica”, cuestionou.
Igrexas afeou ademais que a única resposta do goberno de Abel Caballero sexa “tentar impoñer no novo PXOM unha ampliación do polígono de Balaídos que o aproximará inda máis ás vivendas e agravará o problema”, a pesar de que Stellantis xa ten manifestado que non necesita de máis espazo e do rexeitamento masivo da veciñanza de Matamá, que rexistrou máis dun millar de alegacións ao novo planeamento urbanístico.
Sobre a Zona Franca, como responsábel do polígono, o cabeza de lista nacionalista sinalou ao actual delegado, David Regades, por “non facer absolutamente nada” a pesar de existir solucións tecnolóxicas para resolvelo. “En pleno século XXI é incomprensíbel que a veciñanza teña que respirar aire con partículas de pintura”, lamentou.