O BNG elixe a Xabier P. Igrexas como candidato á Alcaldía de Vigo co obxectivo de dar “un grande salto adiante” en 2027

Xabier P. Igrexas (no centro) acompañado da Asemblea Local do BNG de Vigo
Xabier P. Igrexas (no centro) acompañado da Asemblea Local do BNG de Vigo

A militancia da fronte nacionalista acordou por unanimidade a continuidade do actual portavoz municipal como cabeza de lista ás eleccións locais do vindeiro ano

A fronte nacionalista fíxase como obxectivo converter a crecente simpatía e apoio social cara ao BNG en votos que permitan multiplicar a súa representación no Concello

Xabier P. Igrexas: “Fronte a quen pretende sementar a impotencia tentando convencernos que nada pode mudar, afirmamos o noso compromiso revolucionario de facermos posíbel o cambio que é necesario”

O BNG elixe a Xabier P. Igrexas como candidato á Alcaldía de Vigo co obxectivo de dar “un grande salto adiante” en 2027

O Bloque Nacionalista Galego de Vigo celebrou na tarde-noite deste mércores unha asemblea local na que a militancia acordou, por unanimidade, elixir a Xabier P. Igrexas como candidato á Alcaldía de cara as eleccións municipais de 2027. A fronte nacionalista fíxase como obxectivo “dar un grande salto adiante” na cidade que permita multiplicar a súa representación no Concello para lograr ser unha forza “decisiva e determinante” na primeira cidade de Galiza.

Coa asemblea conclúe un proceso que a responsábel local do BNG, a deputada Carmela González, reivindicou como un exemplo de “democracia radical” no que o conxunto da militancia tivo a posibilidade de formular propostas. “No Bloque as decisións son colectivas e o protagonismo é sempre da militancia”, subliñou.

A proposta de Igrexas contaba co aval tamén unánime do Consello Local do Bloque o que para González demostra “o enorme grao de cohesión e unidade interna dun BNG, plural e diverso pero fortemente unido arredor dun proxecto ilusionante”. “Xabier P. Igrexas conta co apoio firme e cheo de entusiasmo dun BNG que somos máis Bloque do que nunca”, resumiu.

Igrexas agradeceu a confianza e o apoio da organización e afirmou que as eleccións municipais do vindeiro ano son para o BNG “unha enorme oportunidade para facer avanzar o proxecto de transformación en positivo que representa o nacionalismo galego na maior cidade do noso País”. “Fronte a quen pretende sementar a impotencia tentando convencernos que nada pode mudar, afirmamos o noso compromiso revolucionario de facermos posíbel o cambio que é necesario”, proclamou.

Máis de 956 iniciativas dende 2023

O candidato nacionalista subliñou o traballo realizado nos últimos anos como “excelente punto de partida”. “Non empezamos de cero. Contamos cunha ampla bagaxe de esforzo e de traballo. De moita rúa pateada, barrio a barrio, parroquia a parroquia, como demostran as máis de 956 iniciativas, propostas e posicionamentos que o BNG despregamos desde as eleccións de 2023 nas que conseguimos recuperar o grupo municipal e triplicar a nosa representación”, sinalou.

Un traballo que, para Igrexas, permitiu que “neste mandato o BNG conseguiu liderar na práctica a oposición e demostrar, con propostas, que si hai alternativa ao actual desgoberno e ao modelo de cidade parque temático que non atende as necesidades reais das viguesas e dos vigueses”.

Ademais, puxo en valor o continuado ascenso do BNG na cidade, cun aumento “tan continuado como imparábelno apoio social á nosa alternativa política”, como verifican os magníficos resultados obtidos nas últimas eleccións xerais, cun aumento do 45% dos votos ao BNG en Vigo, nas eleccións europeas co mellor resultado en dúas décadas e no fito histórico de lograr que o BNG fose a primeira forza política en Vigo nas últimas eleccións galegas derrotando o Partido Popular.

O BNG, a forza á alza en Vigo

“Somos á forza á alza en Vigo e imos estar á altura das millares de viguesas e vigueses que ollan con confianza nova e esperanza ao BNG, traducindo esa onda imparábel de apoio e simpatía en votos que permitan abrir un tempo novo na cidade”, defendeu o candidato. “Enfrontamosas próximas eleccións municipais con toda a ambición, sen límites nin teitos, con confianza no noso proxecto de cidade e sobre todo coa certeza de que imos lograr incorporar nel a moitos millares de viguesas e vigueses”.

Con ese obxectivo, Igrexas proclamou que “desde o BNG tendemos a man a todas persoas que non se resignan, que saben que Vigo merece moito máis”. “Fronte a un Abel Caballero esgotado na inercia do “máis do mesmo” e un Partido Popular que nada lle pode ofrecer á cidade é momento de construírmos un novo Vigo, entre todas e para todos, co proxecto transformador e en positivo do BNG”, enfatizou.

A presentación pública do candidato á Alcaldía realizarase o vindeiro luns, 11 de maio, nun almorzo informativo na cidade no que estará acompañado da Portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, e no que Igrexas presentará as ideas-forza da proposta do BNG de cara as vindeiras eleccións municipais.

O BNG elixe a Xabier P. Igrexas como candidato á Alcaldía de Vigo co obxectivo de dar “un grande salto adiante” en 2027