COMUNICADO: Diante da imputación por graves delitos da concelleira de Seguridade pola morte producida no accidente do Saltamontes

logo
LOGO BNG

Diante do auto emitido pola Praza número 3 da Sección de Instrución do Tribunal de Instancia de Vigo, co que finaliza a instrución da causa aberta pola tráxica morte producida nunha atracción de feira nas festas de Matamá en agosto de 2024, desde o Bloque Nacionalista Galego queremos trasladar publicamente, como primeira valoración, as seguintes consideracións:

COMUNICADO: Diante da imputación por graves delitos da concelleira de Seguridade pola morte producida no accidente do Saltamontes

1.A decisión xudicial, concluída a instrución da causa, de imputar a concelleira da Área de Goberno de Seguridade, Contratación, Festas e Xestión Municipal polos delitos de homicidio imprudente e de lesións por imprudencia grave pola falla de actuación da responsábel municipal para evitar que unha atracción que non contaba con autorización puidese estar en funcionamento, esixe o cese e inmediata saída do Goberno local da señora Rodríguez Calviño.

2. A non imputación nin da Comisión de Festas organizadora, nin do Xefe do Servizo da Área de Seguridade do Concello, nin do Xefe da Policía Local, sinala de maneira incontestábel que a responsabilidade sitúase, para alén da propiedade da propia atracción, tamén na dirección política e na propia acción de goberno.

3. Nese sentido, o auto sinala de maneira contundente que o Goberno municipal non tería adoptado as medidas necesarias para exercer as súas competencias legais en materia de inspección en control o que acabou por colaborar no fatídico accidente polo que perdeu a vida un veciño. Extremo polo que o BNG demandou explicacións desde o primeiro momento e que o executivo de Abel Caballero nunca deu. Ao contrario, acudimos a unha estratexia de confusión no que se pretendeu polo goberno eludir toda responsabilidade imputándolla primeiro á Comisión de Festas e tentando derivala despois á actuación dos efectivos da Policía Local, como quedou de manifesto na propia declaración xudicial da señora Rodríguez Calviño.

4. A gravidade do asunto, así como as decisións políticas persistentes de non ofrecer ningunha explicación, de negarse a atender as interpelacións da oposición e de manter incomprensíbelmente no seu cargo á concelleira agora xa imputada por graves delitos con resultado de morte, obrigan a que o alcalde, Abel Caballero, como máximo responsábel do Goberno municipal, dea a cara e proceda a comparecer de maneira urxente perante o Pleno para dar as respostas que a cidadanía viguesa merece.

5. Reiteramos a necesidade de constituír unha Comisión Especial de Investigación a nivel municipal que permita non só depurar todas as responsabilidades tamén do punto de vista administrativo, senón tamén detectar as eivas nos procedementos e actuacións e adoptar medidas que eviten que un suceso así poida volver acontecer nunca máis.

Vigo, Galiza, a 7 de maio de 2026.

Xabier P. Igrexas
Portavoz municipal do BNG de Vigo

COMUNICADO: Diante da imputación por graves delitos da concelleira de Seguridade pola morte producida no accidente do Saltamontes