O BNG esixe na Deputación que o Goberno central paralice o novo trazado da A-52

Manuela Rodríguez, deputada do BNG na Depo
Manuela Rodríguez, deputada do BNG na Depo

O grupo nacionalista defende a necesidade de rescatar e liberar de peaxe a AP-9 como solución máis rápida e económica, así como realizar as melloras pendentes na A-55

Insta á Xunta a rescatar tamén a autovía AG-57 para mellorar a mobilidade

Súmase ao rexeitamento amosado polo Bloque nos concellos de Mos e Vigo, no Parlamento galego e no Congreso

O BNG esixe na Deputación que o Goberno central paralice o novo trazado da A-52

O grupo provincial do BNG esixe ao Goberno central que paralice o novo trazado da A-52, que rescate e se libere de peaxe a AP-9, que se realicen as actuacións pendentes na A-55 e que esta se converta, a medio prazo, nunha vía urbana. As nacionalistas así o apuntaron no Pleno da Deputación de Pontevedra onde, cunha emenda á moción do PP, completaron a lista de necesidades para mellorar a mobilidade na área metropolitana de Vigo, entre outras potenciar o transporte colectivo e rescatar a autovía AG-57 por parte da Xunta.

O Bloque, a través da deputada Manuela Rodríguez,subliñou que o novo trazado proposto para a A-52 supón unha grave afección nos concellos de Vigo e Mos e non soluciona a sinistralidade da A-55 nin a conexión do territorio. Por este motivo, demandou do Goberno español a transferencia a Galiza da titularidade da AP-9 para iniciar, con carácter inmediato, a liberación de peaxes “por ser esa a solución máis rápida, inmediata e economicamente máis viable ao problema da sinistralidade nesta vía”.

Rodríguez destacou a necesidade de paralizar a tramitación do proxecto do novo trazado da A-52 Vigo-O Porriño xa que as “casas afectadas, no momento en que se aprobe, quedarán hipotecadas aínda que non se execute”. Pediu ao Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible que inclúa, nun novo estudo de alternativas, unha solución baseada na liberación das peaxes da AP9 e que inclúa todas aquelas actuacións de mellora de conexións, nomeadamente entre a AP-9 e a A-52, que “permitan lograr unha solución máis sostible e racional das infraestruturas, e que teña en conta a mellor articulación de toda a área metropolitana”.

Por outra banda, o Bloque demandou ao Executivo central que, no inmediato, acometa todas as actuacións pendentes na A-55 para mellorar no posible a súa seguridade e que, a medio prazo, harmonice a vía co ambiente urbano polo que discorre.

Finalmente, a emenda do BNG á moción do PP incluíu tamén a petición aos gobernos da Xunta e do Estado para que planifiquen e promovan alternativas ao uso do vehículo privado en toda a área metropolitana, ampliando, mellorando e fomentando o transporte colectivo en toda as súas modalidades.

Así mesmo, demandou ao Goberno da Xunta que inicie de inmediato os trámites para rescatar a autovía AG-57, rematando coa “discriminación e penalización” que sofre a área metropolitana de Vigo.

O BNG esixe na Deputación que o Goberno central paralice o novo trazado da A-52