O BNG demanda limitar a práctica da caza en Vigo e avanzar en materia de benestar animal

Manifestación contra a caza en Vigo
Manifestación contra a caza en Vigo

A fronte nacionalista pide cumprir cos acordos aprobados polo Pleno en decembro de 2022, a iniciativa do propio Bloque, para rematar con todas as formas de maltrato animal

Xabier P. Igrexas: “Non ten ningún tipo de xustificación nesta altura do século XXI seguir a permitir a práctica da caza, e menos inda en ámbitos habitados ou na proximidade de parques forestais que son frecuentados por centos de persoas cada fin de semana”

O BNG demanda limitar a práctica da caza en Vigo e avanzar en materia de benestar animal

O Bloque Nacionalista Galego demanda o Goberno municipal que tome medidas para limitar a caza en Vigo cara a abolición desta práctica na cidade. A fronte nacionalista pide cumprir cos acordos aprobados polo Pleno en decembro de 2022, a iniciativa do propio Bloque, para avanzar en materia de benestar e protección animal e rematar con todas as formas de maltrato.

“Non ten ningún tipo de xustificación nesta altura do século XXI seguir a permitir a práctica da caza, e menos inda en ámbitos habitados ou na proximidade de parques forestais que son frecuentados por centos de persoas cada fin de semana”, defendeu o portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas.

Dende o Bloque chamaron a que o Goberno de Abel Caballero “escoite e deixe de virarlle as costas” á crecente sensibilidade ambiental e o compromiso polos dereitos dos animais en Vigo, como demostrou a manifestación deste pasado domingo promovida por colectivos animalistas e protectoras para esixir a abolición da caza con cans.

Igrexas lembrou que a limitación estrita da caza xa foi aprobada polo Pleno municipal en decembro de 2022, entre outros acordos como declarar Vigo como cidade contraria a toda forma de maltrato animal recollidos nunha moción formulada e defendida polo BNG. “Reclamamos que se executen estas medidas para referenciarmos Vigo na vangarda da protección do benestar animal”, demandou o portavoz municipal do Bloque.

O BNG demanda limitar a práctica da caza en Vigo e avanzar en materia de benestar animal