O BNG exixe ao Goberno municipal que restrinxa ao máximo a liberalización de horarios comerciais

O BNG exixe ao Goberno municipal que restrinxa ao máximo a liberalización de horarios comerciais

_Reclaman ao alcalde que a zona de grande afluencia turística (ZGAT) se limite á contorna do Casco Vello, excluíndo grandes áreas comerciais, como defenden os tres sindicatos.

_A fronte nacionalista critica o cinismo do Partido Popular a quen acusan de ser co-responsábel da situación.

VIGO, 16 de maio de 2016.- Diante da obriga legal para que o Concello de Vigo delimite unha zona de grande afluencia turística (ZGAT) na cidade, após superar as 600.000 visitantes o pasado ano, o BNG de Vigo exixe ao Goberno municipal que restrinxa ao máximo a liberalización de horarios comerciais que conleva a declaración de ZGAT.

A fronte nacionalista rexeita a proposta formulada por parte do Goberno local, por ser demasiado extensa e incluír ámbitos nos que non concorre ningún dos criterios fixados no artigo 5.4 da lei 1/2004, do 21 de decembro, de horarios comerciais, como é o caso do barrio do Cura. Neste senso, o Bloque amósase partidario da contraproposta formulada polas tres principais centrais sindicais da cidade CIG, CCOO e UGT, pola que a ZGAT quedaría restrinxida ao Casco Vello, desde a Porta do Sol até as inmediacións de Cánovas del Castillo. “A zona proposta polos sindicatos si que se axusta aos criterios da lei, pola súa proximidade ao porto e a afluencia de visitantes, e ao tempo protexe o pequeno comercio local limitando o impacto da liberalización de horarios excluíndo as grandes áreas existentes na contorna”, explica Xabier P. Igrexas, responsábel de Iniciativas políticas do BNG-Vigo.

“O BNG opuxémonos desde un principio á liberalización horaria, xa que só beneficia ás grandes áreas e franquicias de conglomerados transnacionais, prexudica ao pequeno comercio e xera desemprego e precariedade” lembra Igrexas, salientando que o BNG votou en contra no Congreso da convalidación do Real decreto lei 8/2014, de 4 de xullo, de aprobación de medidas urxentes para o crecemento, a competitividade e a eficiencia, no que se recolle a obrigatoriedade de fixar unha ZGAT cando se superen as 600.000 visitas turísticas. “O que menos precisa o pequeno comercio, que é o que xera postos de traballo e vertebra economicamente a cidade, é que se lle dea barra libre horaria a grandes centros comerciais”, defende.

Consenso

De cara a delimitar a ZGAT o BNG entende que a decisión debe ser adoptada procurando o máximo consenso. A este respecto rexeitan a intención do Goberno local de impoñer unha zona, sen atender a posición das centrais sindicais que representan a milleiros de traballadores e traballadoras no sector comercial. “Non se pode tomar unha decisión deste calado con todos os sindicatos e parte dos comerciantes en contra”, sosteñen.

Cinismo do PP

Por outra banda, o Bloque criticou o “cinismo” demostrado polo Partido Popular nesta cuestión e o seu cambio de criterio. “Agora Elena Muñoz demóstrase unha entusiasta da liberalización horaria que só hai un ano era motivo de ‘grande preocupación’ (sic) para o seu predecesor, Jose Manuel Figueroa, quen asegurou publicamente ter realizado xestións para evitar que Vigo tivese que estabelecer unha ZGAT”, critican, lembrando que esta situación ten como causa “unha modificación legal imposta pola maioría absoluta do Partido Popular en Madrid, lexislando unha vez máis a favor dos grandes monopolios e en contra do pequeno comercio”.

O BNG exixe ao Goberno municipal que restrinxa ao máximo a liberalización de horarios comerciais