CORONAVIRUS
O BNG lamenta a falla de medidas de apoio real do Concello de Vigo ás PEME e o tecido comercial
Xabier P. Igrexas: "As únicas empresas que van recibir axuda do Concello, por importe de 300 mil euros, son as da UTE contratada por Caballero para xestionar unha oficina de asesoramento a pequenas empresas e emprendedoras"
A fronte nacionalista reitera a urxencia de despregar unha Estratexia Local de Promoción Económica e do Emprego para enfrontar os efectos da crise do coronavirus.
O Bloque Nacionalista Galego valorou como "claramente insuficiente" que a única medida adoptada até o momento polo Goberno municipal de Vigo en apoio das pequenas e medianas empresas (PEME) e o tecido comercial da cidade, sexa a posta en marcha dunha oficina de asesoramento. A fronte nacionalista lembra que xa pasaron preto de dous meses desde que formularon "de maneira construtiva e en positivo" unha serie de propostas concretas para o despregamento dunha Estratexia Local de Promoción Económica e do Emprego sen teren obtido resposta ningunha polo Goberno de Abel Caballero.
"As únicas empresas que van recibir axuda do Concello, por importe de 300 mil euros, son as da UTE contratada por Caballero para xestionar unha oficina de asesoramento a pequenas empresas e emprendedoras", criticou esta mañá o concelleiro do Bloque en Vigo, Xabier P. Igrexas.
Igrexas lamentou que o Concello de Vigo non estea á altura das "demandas e necesidades que trasladan desde hai moitas semanas os diferentes axentes económicos da cidade". Nese sentido, contrapuxo a falla de impulso por parte do executivo local vigués coa actuación de concellos de menor tamaño e menores recursos ca Vigo, como o da cidade de Lugo, que xa hai varias semanas que ten en marcha medidas concretas de axuda directa e apoio ao seu tecido comercial e produtivo.
Estratexia local de promoción económica e do emprego
Neste sentido, o portavoz municipal nacionalista reiterou a "urxente necesidade" de que o Concello impulse unha Estratexia Local de Promoción Económica e do Emprego para "blindar o pequeno comercio e evitar que ningún estabelecemento máis bote o feche" así como para "fortalecer a base produtiva da cidade e crear as condicións para manter e, sobre todo, crear emprego estábel, digno e con dereitos".
Igrexas advirte da "situación de emerxencia" que reflicten os datos do paro rexistrado con preto de 25 mil viguesas e vigueses sen emprego e ás que hai que engadir moitos millares afectadas por ERTE ou en situación de suspensión. Emporiso, desde o Bloque afean que o Goberno municipal non teña atendido as propostas que lle trasladaron hai preto de dous meses e nas que incluían unha axuda directa de 1.500 euros a comercios, PEMEs e autónomos, a creación dunha liña de microcréditos municipais sen xuros de até 5 mil euros para o sector comercial e maiores bonificacións e aprazamentos na fiscalidade municipal.
"Os comercios, as pequenas empresas e as emprendedoras da cidade non só necesitan asesoramento burocrático. Precisan dun compromiso real por parte do Concello. Necesitan axudas de verdade. É o momento de ofrecerllas", remacha Igrexas.