O BNG chama a unha nova mobilización masiva en Vigo en contra da “desfeita sanitaria” do PP na Xunta
A fronte nacionalista pide ás viguesas e vigueses que volvan encher as rúas da cidade este xoves 16 de xaneiro en apoio da manifestación convocada pola plataforma SOS Sanidade Pública (ás 19h dende praza dos Cabalos)
Xabier P. Igrexas: “É claro que o PP non tomou nota da mensaxe contundente das pasadas eleccións galegas onde foi derrotado en Vigo polas súas políticas de maltrato”
O Bloque Nacionalista Galego chama a unha nova mobilización masiva en Vigo en contra da “desfeita sanitaria” do PP na Xunta de Galiza. A fronte nacionalista pide ás viguesas e vigueses que volvan encher as rúas da cidade este 16 de xaneiro, con saída ás 19h dende a praza dos Cabalos, en defensa da sanidade pública e fronte ás políticas de recortes e privatizacións sanitarias do Goberno de Rueda.
“O BNG facemos un chamamento para volver demostrar nas rúas o clamor unánime que existe na cidade en contra das nefastas políticas do PP que converteron a área de Vigo na zona cero da desfeita sanitaria”, reivindicou o portavoz municipal do BNG, Xabier P. Igrexas, no acto convocado este martes pola plataforma SOS Sanidade Pública que reuniu a cargos institucionais da área viguesa.
Igrexas valorou urxente unha nova mobilización cidadá en rexeitamento dos recortes do PP na rede pública para “entregar cada vez máis diñeiro ás súas empresas amigas da sanidade privada”. Lamentou así que os populares “non tomaran nota da mensaxe contundente” que as viguesas e vigueses enviaron nas pasadas eleccións galegas, nas que o PP foi derrotado e o BNG converteuse na primeira forza na maior cidade de Galiza.
Entre os motivos, dende a fronte nacionalista volveron esixir o rescate da concesión do Hospital Álvaro Cunqueiro por ser “o culmen da estratexia privatizadora na sanidade pública”. Unha decisión que, a xuízo do portavoz municipal do Bloque, quedou acreditada no informe do Consello de Contas e na comisión parlamentar impulsada polo BNG en relación ao sobrecusto de 470 millóns de euros na construción do hospital vigués. “Con evidentes indicios dunha xestión que se parece máis a unha trama para favorecer intereses privados”, salientou.
Igrexas denunciou tamén como o PP vén de negociar “ás agachadas” un novo concerto singular con Povisa “impoñendo de novo unha sanidade a dúas velocidades” con peores prestacións, ratios de persoal e condicións de atención sanitaria que na rede pública para a poboación adscrita a este centro privado. “Por iso o BNG imos seguir esixindo a absorción de Povisa na rede Sergas”, defendeu.
Cuestións que, lembrou o voceiro nacionalista, foron demandadas polo Bloque nas emendas aos orzamentos galegos deste ano 2025, e tamén de anteriores exercicios, mais que contaron co voto en contra do PP. “Temos a absoluta confianza en que, diante dun Goberno galego que insiste en virarlle as costas á cidade, as viguesas e vigueses vamos enviar unha nova mensaxe contundente”, remachou Igrexas.