O BNG reclama fiscalizar o destino dos inxentes fondos públicos en Povisa diante da precaria atención sanitaria e do persoal
A fronte nacionalista anuncia iniciativas no Parlamento galego para demandar unha auditoría no hospital privado de Vigo perante a “opacidade” do PP e esixe coñecer se a Xunta está a negociar un novo concerto singular cando restan cinco meses de prórroga do actual, após manter un encontro con representantes do Comité de Empresa
Montse Prado: “O persoal de Povisa está ao límite e iso tradúcese en que as 120 mil persoas derivadas a este centro non reciben unha asistencia sanitaria de calidade”
Xabier P. Igrexas: “Nin as listas de espera enormes, nin a precarización en Urxencias nin a falla de profesionais en Povisa son merecedoras da Medalla da Cidade de Vigo”
O Bloque Nacionalista Galego reclama fiscalizar o destino dos inxentes recursos públicos que recibe o hospital Povisa por parte da Xunta de Galiza diante da precaria atención sanitaria e das condicións do seu persoal. Así o demandou este xoves a deputada no Parlamento galego e portavoz de sanidade do BNG, Montse Prado, despois de manter xunto co voceiro municipal en Vigo, Xabier P. Igrexas, un encontro con representantes do Comité de Empresa do centro hospitalario privado.
“Constatamos máis unha vez que este modelo privatizador do PP na Xunta, derivando inxentes cantidades da sanidade pública, é incompatíbel cunha atención sanitaria de calidade e cunhas condicións laborais dignas do persoal, que está moi minguado e ao límite”, denunciou Prado, quen anunciou que unha das primeiras iniciativas nacionalistas no Parlamento galego será demandar unha auditoría en Povisa.
Dende o Bloque lamentaron que se manteña este “modelo de sanidade de dúas velocidades” no que as persoas adscritas a Povisa reciben unha peor asistencia médica que na pública, a pesar dos recortes. Unha precariedade que, a xuízo das nacionalistas, vén provocada pola falla de persoal, evidenciada na “fuga masiva” de profesionais en Urxencias, após a dimisión dun terzo das e dos médicos nas últimas semanas, así como así como o insuficiente número de persoal en enfermaría, celadores ou auxiliares.
Así, a fronte nacionalista acusa o Goberno galego do PP de mirar cara outro lado e non fiscalizar os recursos que transfire a este hospital privado sobre os que existe unha “total opacidade”. Nese sentido, Prado criticou a “anomalía” de que nos Orzamentos da Xunta deste ano non figure a partida para o concerto singular de Povisa, nin se coñeza con exactitude todos os cartos públicos que se lle derivan.
“A este concerto singular hai que sumar as cantidades por especialidades como maxilofacial ou queimados que non sabemos tampouco a canto ascenden, e dos cartos que se lle están pagando para alixeirar as listas de agarda da pública cando Povisa ten esperas maiores”, advertiu, engadindo que o centro privado se beneficia tamén dos acordos do Sergas para a compra de fármacos ou de materiais como próteses que “están servindo para engordar a conta de resultados da multinacional pero non para unha mellor asistencia sanitaria”.
Fin do concerto singular
Diante da fin da prórroga do actual concerto singular en agosto deste ano, a portavoz nacionalista esixiu tamén que a Xunta aclare se está a negociar un novo acordo e se vai ter en conta as condicións actuais nas que se está a prestar este servizo. “O BNG imos seguir demandando é que as 120 mil persoas da área sanitaria de Vigo teñan unha atención sanitaria con recursos públicos e en centros públicos, e para iso só hai dous camiños: ou a absorción de Povisa ou facer que a rede pública teña suficiente capacidade para absorbelos”, remachou Prado.
“A dirección de Povisa non merece a Medalla da Cidade”
En termos similares expresouse o voceiro municipal do BNG de Vigo, quen considerou “indecente” que para o alcalde de Vigo, Abel Caballero, este modelo de atención sanitaria privatizada e precaria sexa merecedor da Medalla da Cidade de Vigo, tal como anunciou esta semana. Por estes motivos, avanzou o voto en contra do Bloque no Pleno que se celebrará o vindeiro luns 25 de marzo para aprobar as distincións da cidade para 2024.
“O clamor masivo das viguesas e vigueses dos últimos anos non ten sido premiar á dirección privada de Povisa, senón esixir unha sanidade pública de calidade e contra a decisión ideolóxica dun PP que insiste en facer da saúde un negocio”, afirmou Igrexas. “Nin as listas de espera enormes, nin a precarización nin a falla de persoal de Povisa son merecedoras de ningún tipo de recoñecemento, senón que merecen do reproche enérxico dende o punto de vista progresista de defensa dos servizos públicos”, engadiu.
O portavoz municipal do Bloque asegurou que esta decisión “obecede á complicidade persoal e política” do Goberno de Abel Caballero con este grupo empresarial. “Se cadra ten algunha explicación nesas portas xiratorias que fan que algún ex alto cargo do PSOE hoxe estea prestando os seus servizos como asesor da dirección de Povisa”, afeou.