O BNG pide que se paralicen as obras do túnel para valorar outras alternativas que permitan a peonalización completa da Porta do Sol até o Paseo de Afonso

V13M7706
V13M7706

A fronte nacionalista critica a improvisación do Goberno municipal despois de que se anuncie a ampliación do túnel até Torrecedeira e defende que existen alternativas tecnicamente viábeis que evitarían unha actuación "innecesaria, custosa e agresiva".

Xabier P. Igrexas: "Caballero en lugar de rectificar decidiu multiplicar a equivocación facendo máis larga e máis profunda a navallada ao corazón da cidade".

O BNG pide que se paralicen as obras do túnel para valorar outras alternativas que permitan a peonalización completa da Porta do Sol até o Paseo de Afonso

Após o anuncio realizado polo alcalde da cidade de alargar o túnel deseñado dentro do proxecto de peonalización da Porta do Sol até Torrecedeira, o concelleiro do Bloque Nacionalista Galego en Vigo, Xabier P. Igrexas, afirmou que o mesmo supón recoñecer que "o túnel deseñado era un absoluto disparate que tronzaba Elduayen e que inviabilizaba a peonalización do Paseo de Afonso tal e como advertiramos desde o BNG". Neste sentido, Igrexas lamentou que Abel Caballero en lugar de rectificar opte "por multiplicar a equivocación facendo máis longa e profunda a navallada que representa un túnel a todas luces innecesario e inxustificado" e criticou a "improvisación descomunal" coa que se está a xestionar o proxecto. 

O portavoz municipal nacionalista subliñou que existen alternativas técnicas viábeis que permitirían a peonalización completa -coa que o BNG expresa o seu absoluto acordo- sen ter que acometer unha actuación tan agresiva como un túnel. Emporiso, Igrexas, demandou ao Goberno local que paralice a execución das obras para "estudar outras alternativas", sinalando que inda se está a tempo de evitar unha "actuación irreversíbel" e que supón tamén importantes riscos en materia de protección do patrimonio histórico nunha contorna con abondosa presenza de xacementos e restos.

Aliás, desde a fronte nacionalista volveron esixir "transparencia e participación", pedindo que o Goberno explique de maneira clara cal vai ser o custo total do proxecto que agora se pretende acrecentar substancialmente e como se vai financiar. "Caballero ten que explicarlle ás viguesas e vigueses canto vai custar a súa obsesión por perforar o corazón da cidade e quen vai pagar esa factura de record", reclamou Igrexas. O edil nacionalista tamén reiterou a súa petición de que o proxecto de peonalización se someta a exposición pública e que se abra un diálogo sincero coa veciñanza e os colectivos sociais.

O BNG pide que se paralicen as obras do túnel para valorar outras alternativas que permitan a peonalización completa da Porta do Sol até o Paseo de Afonso