O BNG pide asegurar a continuidade da actividade naval e do emprego no estaleiro Vulcano

2019121814525663975

Néstor Rego pide ao Goberno que ordene a retirada do recurso presentado pola avogacía do Estado no proceso de concurso de Vulcano a respecto da concesión portuaria da que é titular

O BNG critica a actuación do presidente da Autoridade Portuaria de Vigo en relación á situación do estaleiro

O BNG pide asegurar a continuidade da actividade naval e do emprego no estaleiro Vulcano

O Bloque Nacionalista Galego demanda ao Goberno central  que a través dos mecanismos legalmente preceptivos, a ordene a retirada do recurso presentado pola avogacía do Estado no proceso de concurso de Vulcano a respecto da concesión portuaria da que é titular e que fai parte da súa unidade produtiva para asegurar a continuidade da actividade naval e do emprego na ría de Vigo.

O deputado Néstor Rego asegura que “a desaparición de Vulcano como estaleiro, que representa un impacto en termos laborais de máis dun milleiro de empregos directos e indirectos, supoñería ademais un forte golpe sobre a industria auxiliar xa moi debilitada polas débedas doutros estaleiros e pola falta de carga de traballo”. A súa vez Rego destaca que polas súas acreditadas aptitudes técnicas e produtivas, ·o estaleiro Vulcano reúne unhas óptimas condicións para poder despregar sobre as súas instalacións o tantas veces reclamado e prometido Centro de Reparacións Navais na Ría de Vigo”, co que supoñería de positivo para o sector, complementando a actual oferta construtiva e estabilizando a carga de traballo para o tecido auxiliar.

Nese sentido, o BNG pide ao Goberno central que valore a actuación do presidente da Autoridade Portuaria de Vigo que “se demostrou deliberadamente hostil e contraria á continuidade de Vulcano, empregando todo tipo de artimañas para dificultar, cando non boicotear, calquera posibilidade de relanzamento da actividade naval nas súas instalacións”. O portavoz do BNG no Congreso critica que o obxectivo que persegue a dirección encabezada polo popular Enrique López Veiga “non é outro que inviabilizar a poxa da unidade produtiva de Vulcano”, que inclúe a concesión sobre unha parcela de 30 mil metros cadrados de dominio portuario (que representa preto do 40% da superficie do estaleiro e que é indispensábel para a súa operatividade) e o acceso á mina de auga, coa pretensión de destinala a outros usos distintos á construción e/ou reparación naval”. Unha estratexia que, de consumarse, agravaría a crise produtiva e industrial na cidade e comarca de Vigo, e que conta coa aberta oposición dunha clara maioría social, do Comité de Empresa, dos sindicatos, da patronal do sector metalúrxico e doutras institucións.

Dentro desa estratexia inscríbese a decisión unilateral da presidencia da Autoridade Portuaria de Vigo, sen contar co preceptivo acordo do seu Consello de Administración, de persoarse o pasado mes de decembro no proceso de concurso de Vulcano recorrendo, a través da avogacía do Estado, o plan de liquidación co obxectivo de reverter a concesión portuaria. O BNG critica que esta actuación supuxo a suspensión, por decisión xudicial, da poxa da unidade produtiva de Vulcano “poñendo en grave risco a posibilidade de que de a mesma resulte o reinicio da actividade do estaleiro” a pesar de que existe unha proposta firme por parte dun importante grupo empresarial con ese obxectivo. Desta maneira, “a actuación da avogacía do Estado, a instancias da Autoridade Portuaria, está constituíndo un claro obstáculo na resolución satisfactoria da crise aberta en Vulcano, xa que lonxe de defender o interese público e xeral, limítase a actuar ao ditado do presidente López Veiga no seu afán de dinamitar calquera posibilidade de continuidade do emprego e a actividade naval na instalacións do estaleiro” sinala o deputado.

O BNG pide asegurar a continuidade da actividade naval e do emprego no estaleiro Vulcano