O BNG pide a Fernández-Tapias que deixe de facer posados na Cidade da Xustiza e esixa á Xunta os xulgados de 24 horas en Vigo
A fronte nacionalista reclama a posta en marcha inmediata deste sistema de gardas que permitiría desconxestionar o partido xudicial de Vigo, con 20 mil asuntos pendentes.
Xabier P. Igrexas: “Conta co respaldo unánime dos operadores xudiciais, do Concello de Vigo, do TSXG e do propio Ministerio, e só depende de que a Xunta decida implantalo”.
O Bloque Nacionalista Galego esixe ao Goberno galego que poña en marcha de forma inmediata as gardas de 24 horas nos xulgados de Vigo. A fronte nacionalista urxe á delegada da Xunta na cidade, Marta Fernández-Tapias, a que reclame a implantación desta reivindicación histórica como prioridade en material xudicial, fronte aos continuados posados fotográficos que vén realizando nas obras da Cidade da Xustiza.
“Non hai xa escusas para dilatar máis a posta en marcha desta medida xusta, necesaria e reivindicada de maneira unánime polos axentes e operadores xudiciais”, afirmou neste sentido o concelleiro do BNG en Vigo, Xabier P. Igrexas, quen apuntou que a implantación desta histórica reivindicación só depende da Xunta após os reiterados acordos plenarios no Concello de Vigo, o aval do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG) e do propio Ministerio de Xustiza.
Igrexas lembrou que todos os partidos xudiciais do Estado con oito ou máis xulgados aplican este sistema de gardas de 24 horas, coa excepción de Vigo e da Coruña. Unha medida que, a xuízo das nacionalistas, permitiría desconxestionar a situación “que raia no colapso” dos xulgados da cidade, con máis de 20 mil asuntos pendentes. “Facilitaría a presentación de demandas, que se atendan as medidas urxentes con maior axilidade e maiores garantías procesuais, así como un incremento substancial da celeridade na tramitación”, destacou.
O edil do BNG afeou que este sistema de gardas de 24 horas non sexa unha prioridade para o Goberno galego, mentres a súa delegada en Vigo “presume” da nova Cidade da Xustiza, o único investimento realizado na maior urbe de Galiza. “O BNG pedímoslle a Fernández-Tapias que deixe de actuar como unha especie de axente inmobiliario, organizando visitas propagandísticas, e que urxa dunha vez os xulgados de 24 horas e todos os medios humanos e materiais para desbloquear a situación”, subliñou Igrexas.