O BNG de Vigo reta a Abel Caballero a convocar o Debate sobre o Estado da Cidade fronte o seu continuo monólogo
A fronte nacionalista propón celebrar por primeira vez este Debate para contrastar as distintas alternativas políticas na cidade ante a “permanente devaluación” dos Plenos municipais por parte do alcalde, que se ausenta de maneira reiterada das sesións.
Xabier P. Igrexas: “A veciñanza de Vigo ten dereito a coñecer as diferentes posicións das catro forzas políticas que conformamos a Corporación, porque o BNG si temos un proxecto de cidade con propostas concretas e cun afán construtivo”.
O Bloque Nacionalista Galego reta ao alcalde de Vigo, Abel Caballero a convocar o Debate sobre o Estado da Cidade. A fronte nacionalista vén de anunciar o rexistro formal desta proposta ante a “permanente devaluación” dos Plenos municipais por parte do rexedor, que se ausenta de maneira reiterada das sesións aos poucos minutos de comezar, e para que a veciñanza da cidade teña oportunidade de contrastar as distintas alternativas políticas a un ano das vindeiras eleccións locais.
“É unha cuestión esencial porque en democracia o contraste é imprescindíbel”, afirmou en rolda de prensa o concelleiro do BNG en Vigo, Xabier P. Igrexas, que subliñou que “as viguesas e os vigueses teñen dereito” a coñecer as diferentes posicións sobre a situación da cidade das catro forzas políticas que conforman a Corporación municipal. “Porque o BNG si que temos un proxecto de cidade sólido e solvente, construído sobre propostas concretas e cun afán construtivo”, apuntou.
O edil nacionalista pediu a Caballero que teña a “valentía” de convocar este Debate e abandone así o seu “cómodo refuxio no monólogo”. Igrexas cualificou de “falla de respecto á cidade” e dunha “mostra máis do talante autoritario” as continuas ausencias do alcalde no Pleno cando se debaten as mocións dos grupos da oposición.
“Abel Caballero e o PSOE nunca quixeron debater co BNG nin con outras forzas políticas, nin no Concello nin nos debates organizados por medios de comunicación”, criticou Xabier P. Igrexas.
Neste sentido, o concelleiro do Bloque lamentou que o Debate sobre o Estado da Cidade non se teña celebrado nunca en Vigo, malia estar contemplado no regulamento orgánico do Pleno e a diferenza doutras cidades galegas e do Estado onde xa é unha realidade normalizada. “Só cabe agardar que o Goberno municipal de Vigo teña o respecto democrático de acceder a este Debate para evidenciar a pluralidade que existe en Vigo pero que Abel Caballero non recoñece, porque confunde a súa lexítima maioría absoluta coa totalidade”, reclamou.
Debate público e con tempos equitativos
Igrexas chamou a un Debate sobre o Estado da cidade “real”, polo que solicitou que sexa convocado para facilitar a presenza do maior número de veciñas e veciños de Vigo e con tempos equitativos para todas as forzas políticas. Así, propuxo celebrar a sesión un sábado pola mañá ou a partir das 20 horas nos días laborábeis no Auditorio Municipal, de igual forma que o Pleno de constitución da Corporación. Ademais, pediu tempos de intervención de mínimo 10 minutos e con dúas quendas para permitir as réplicas. “Para que o Debate non sexa unha sucesión de monólogos e para que haxa contraste, para que as viguesas e os vigueses poidan comprobar as diferentes maneiras de entender a cidade e de dar resposta ás súas necesidades”, explicou o edil da fronte nacionalista.