O BNG pregunta ao goberno polo custe do despregue policial no traslado do Bernardo Alfageme a Coia
O concelleiro Santi Domínguez asemade pide explicacións polos erros que atopa a cidadanía na tramitación das facturas electrónicas
Vigo, 23 de febreiro de 2015.- Na quenda de preguntas, o concelleiro do BNG Xabier Alonso demandou ao goberno local xustificacións do desproporcionado despregue policial no traslado do barco Bernardo Alfageme á rotonda de Coia e o seu custe. Na súa resposta, o alcalde dixo que o goberno contestará por escrito.
Ademais, o edil Santi Domínguez preguntou ao goberno local polos erros que se están producindo na tramitación das facturas electrónicas e o bloqueo dos usuarios e usuarias debido a un fallo informático. Ao respecto, a tenente de alcalde Carmela Silva recoñeceu a existencia de ditos fallos e os achacou a erros no programa informático remitido por Hacienda.
Reapertura do súbete ao Castro
Por outro lado, o Bloque presentou unha emenda a unha moción popular sobre xuventude, que resultou aceptada. Deste xeito, cos votos a favor de PP e BNG e a abstención do PSOE o pleno aprobou a recuperación do programa Noites Vivas, así como da reapertura da actividade Súbete ao Castro, a descentralización dos servizos de información xuvenil para achegalos a distintos barrios da cidade e a creación dun recinto cuberto para deportes urbanos.
Tamén resultou aceptada unha emenda nacionalista presentada a unha moción do PSOE sobre o Plan de Infraestruturas. Neste sentido aprobouse instar ao goberno da Xunta de Galiza e ao goberno municipal a asinar un convenio para garantir o desenvolvemento de dito plan.