O BNG presenta en Vigo a campaña do 8 de marzo

Presentación 8M 2021
Presentación 8M 2021
A organización nacionalista anima a secundar a folga e as mobilizacións contra a precarización do traballo das mulleres
O BNG presenta en Vigo a campaña do 8 de marzo

 O Bloque Nacionalista Galego presentou este luns en Vigo a súa campaña para este 8 de marzo, coa participación de Ana Bringas, Responsábel Comarcal de Acción Feminista, e Carmela González, deputada no Parlamento Galego.

Baixo o lema “Sostemos o presente, cambiemos o futuro”, a organización nacionalista quere salientar como a pandemia da Covid-19 e a crise sen precedentes que a acompaña puxeron de relevo o papel esencial das mulleres para o sostemento da vida e aqueles traballos esenciais para a sociedade. “Estes empregos están ocupados maioritariamente por mulleres e son, ademais, os máis precarios e invisibilizados, moitos deles mesmo sen cobertura legal”, destacou Ana Bringas; “a pesar do aparente recoñecemento social e institucional, un ano despois as súas condicións laborais, económicas e sociais non melloraron, senón ao contrario, e son estes sectores os que hoxe sofren un maior impacto pola precariedade das súas condicións, a carencia dun sistema público de servizos básicos forte e a falta de medidas por parte da Xunta e do goberno central, que se poñen de perfil aliñándose cun sistema patriarcal e inxusto”.

Pola súa parte, Carmela González sinalou que a crise da Covid-19 deixou en Galicia unha destrución de 21.000 empregos dos que 15.900 estaban ocupados por mulleres. “A fenda salarial, malia ser ilegal, continúa a superar o 20% e ten tamén o seu correlato na fenda das pensións, cobrando as pensionistas galegas unha media de 300 euros menos”, destacou a deputada, que engadiu que “esta situación, agravada pola crise, continuará emperorando de non tomarse medidas contundentes encamiñadas a que a reactivación económica e social non se desenvolva a costa das mulleres”.

 

Bringas e González concluíron afirmando que cómpre dar unha forte resposta a esta situación. “Non podemos permitir que a pandemia sexa a coartada para conxelar avances sociais nin para retroceder nos nosos dereitos. Esta crise non a imos pagar as mulleres. Hoxe, as que sostemos o presente imos saír ás rúas co movemento feminista galego e facer folga convocada pola CIG para cambiar o futuro, para construír un futuro de igualdade, liberdade e feminismo”.

O BNG presenta en Vigo a campaña do 8 de marzo