O BNG urxirá no Pleno que Concello e Xunta actúen para evitar que o Marisquiño abandone Vigo

marisquiño

A fronte nacionalista rexistrou unha moción de urxencia para abordar este asunto na vindeira sesión plenaria, convocada para este mércores.

Xabier P. Igrexas: “O que pedimos o BNG é que Concello e Xunta non permitan que a cidade perda un dos seus principais eventos internacionais”.

O BNG urxirá no Pleno que Concello e Xunta actúen para evitar que o Marisquiño abandone Vigo

Tras o comunicado da entidade promotora do ‘O Marisquiño’ no que anunciaba publicamente a suspensión definitiva da edición de 2021 e a decisión de abandonar a cidade, o Bloque Nacionalista Galego urxirá no vindeiro Pleno municipal que Concello de Vigo e Xunta de Galiza actúen para garantir a continuidade do festival na cidade olívica.

A través dunha moción de urxencia, rexistrada esta mesma mañá, a fronte nacionalista defende que o Marisquiño é un dos grandes eventos da cidade que maior repercusión internacional suscita, e cun impacto moi relevante en termos económicos para a nosa cidade.

O alcance deste evento, que xa conta con 19 edicións, seguido en liña en máis de 50 países e que atinxiu afluencias de ate 160 mil visitantes, converteu a Vigo, e por extensión a Galiza, nun dos máis importantes referentes da cultural e deportes urbanos, contribuíndo á proxección internacional da nosa cidade e sendo unha das actividades con mellor resposta de público, especialmente entre a mocidade.

O concelleiro do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, lamenta e considera moi grave que “a falla de apoio institucional de Concello e Xunta teña sido un dos motivos destas decisións  que supoñen unha moi mala noticia para Vigo”.

Para o portavoz municipal nacionalista resulta “escandaloso que tratándose dun dos eventos de maior calado e importancia, tamén en termos de retorno económico para a cidade, a resposta do Goberno municipal de Abel Caballero teña sido reducir nun 70% a achega económica do Concello”.  Igualmente, criticou a “nula resposta da Xunta de Galiza diante dun evento tan importante, sendo incapaz mesmo de formalizar o seu compromiso para colaborar coa súa realización”.

A moción do Bloque insta, aos gobernos local e galego, a adoptaren as medidas necesarias para asegurar a colaboración institucional que permita a continuidade do Marisquiño na cidade. “O que urximos desde o BNG é que Concello e Xunta non permitan que a cidade perda un dos seus principais eventos internacionais”, resumiu Igrexas.
 

O BNG urxirá no Pleno que Concello e Xunta actúen para evitar que o Marisquiño abandone Vigo