O BNG presenta en Vigo a súa campaña polo 8 de marzo baixo o lema ‘Queremos todos os dereitos e querémolos xa’

Campaña do BNG polo 8 de marzo en Vigo
Campaña do BNG polo 8 de marzo en Vigo

A fronte nacionalista reclama 22 actuacións urxentes para “pasar dos discursos aos feitos e avanzarmos na igualdade e na consecución de máis dereitos para as mulleres”.

Anuncia diferentes actos e charlas na comarca e chama a apoiar as mobilizacións convocadas pola CIG e polo movemento feminista no Día Internacional das Mulleres.

O BNG presenta en Vigo a súa campaña polo 8 de marzo baixo o lema ‘Queremos todos os dereitos e querémolos xa’

O Bloque Nacionalista Galego vén de presentar este mércores en Vigo a súa campaña para o 8 de marzo baixo o lema ‘Queremos todos os dereitos e querémolos xa’. A fronte nacionalista propón unha batería de 22 actuacións urxentes en “defensa da igualdade real e efectiva entre homes e mulleres” porque, a xuízos das nacionalistas, malia os avances conseguidos pola presión social das masivas mobilizacións dos últimos anos “a lista de incumprimentos coas mulleres é inaceptábel”.

A campaña foi presentada en Vigo por unha delegación do Bloque, que contou coa participación entre outras da responsábel comarcal de Acción Feminista, Raquel Pérez, a deputada no Parlamento galego, Carmela González, e a responsábel comarcal da organización xuvenil Galiza Nova, Iria Custodio.

“Desde o BNG reivindicamos a necesidade de que o 8 de marzo recupere o seu significado orixinal como unha data de combate e reivindicación na que non se dea nada por feito”, expresou Pérez, que puxo en valor o ciclo mobilizador feminista sen precedentes dos últimos anos e animou a sumarse ás mobilizacións convocadas pola CIG e o movemento feminista galego no Día Internacional das Mulleres.

Nesa liña, a fronte nacionalista propón unha batería de 22 medidas urxentes. “É necesario pasar dos discursos aos feitos para avanzarmos na igualdade e na consecución de máis dereitos para as mulleres”, apuntou González, que lembrou que as mulleres cobran aínda 4.000 euros menos ao ano que os homes e continúan a asumir os traballos máis precarizados.

Entre as 22 propostas, o BNG pide incrementar o orzamento da Xunta contra a violencia machista até o 1%, rematar coa fenda salarial, despatriarcalizar a xustiza, unha atención sanitaria e un ensino con perspectiva de xénero, actualizar as “obsoletas” leis de igualdade, loitar contra a prostitución, acabar coa precariedade en sectores altamente feminizados ou o recoñecemento dos dereitos das traballadoras domésticas, entre outras medidas.

No marco da campaña, a fronte nacionalista convoca diferentes actos:


Charla-coloquio ‘As mulleres na Reforma Laboral’

Este xoves 3 de marzo, o BNG organiza unha charla-coloquio baixo o título ‘As mulleres na Reforma Laboral’. O acto terá lugar na sede do Bloque en Vigo (rúa Celso Emilio Ferreiro, 3) a partir das 20 horas. Contará coa intervención de Ester Mariño, técnica de Igualdade da CIG.
Baixo a mesma temática, o venres 11 de marzo terá lugar unha charla en Gondomar.


 


Acto de Galiza Nova ‘As mulleres no eido sindical’

O venres 4 de marzo, Galiza Nova realizará unha palestra sobre ‘As mulleres no eido sindical’ ás 18 horas no Centro Social A Revolta (rúa Real, 12). Falarán Isabel Leite, traballadora da conserveira Orbe e delegada sindical da CIG, Pilar Casás, traballadora nun centro de chamadas, e Iria Custodio, responsábel comarcal da organización xuvenil do BNG.

O BNG presenta en Vigo a súa campaña polo 8 de marzo baixo o lema ‘Queremos todos os dereitos e querémolos xa’