O BNG de Vigo propón medidas para enfrontar a soidade ante a falla de respostas do Goberno municipal
A fronte nacionalista pide despregar un programa multidisciplinar de acompañamento das persoas que viven soas, un problema social que afecta a 25 mil fogares da cidade.
Xabier P. Igrexas: “A resposta do goberno de Abel Caballero a este problema crecente foi deixar sen executar as partidas para actividades para persoas maiores en 2021”.
O Bloque Nacionalista vén de propoñer medidas para enfrontar a soidade en Vigo, un problema social que vai en aumento e que afecta hoxe a preto de 25 mil fogares da cidade. A fronte nacionalista pide despregar un programa municipal de acompañamento das persoas que viven soas ante a falla de respostas e recursos por parte do Goberno municipal.
“A soidade non atendida e acompañada constitúe hoxe un problema social de primeira magnitude, unha realidade que se ten incrementado por volta dun 30% desde o ano 2007 e que se agravou de maneira severa por efecto da pandemia do coronavirus”, explicou o concelleiro do BNG en Vigo, Xabier P. Igrexas, que destacou os graves efectos psicosociais que a soidade ten sobre a saúde das persoas maiores.
O Bloque pide destinar un orzamento mínimo de 3 millóns de euros para ese programa municipal de acompañamento, como xa propuxera nas emendas á recente incorporación de remanentes nas contas municipais. “Un programa que dote á cidade dunha rede de recursos de carácter multidisciplinar -en colaboración co tecido asociativo, outras administracións e coa rede sanitaria- que permita ofrecer de maneira continuada, durante todo o ano, un programa de actividades e servizos para enfrontar con decisión a soidade”, salientou Igrexas.
Falla de recursos do Concello de Vigo
Unha proposta que, a xuízo das nacionalistas, busca reverter a carencia de recursos actuais do Concello de Vigo. Nese sentido, Igrexas subliñou que o goberno de Abel Caballero deixou sen executar o ano pasado a totalidade da partida destinada a actividades para persoas maiores, dotada con 46 mil euros, e tamén para a promoción de actividades deportivas para este colectivo, de 30 mil euros.
“Hai unha clamorosa falla de apoio municipal tamén á actividade que desenvolven os centros culturais e veciñais, que veñen suplindo desde hai moitos anos a carencia doutros recursos, e que se teñen configurado nos seus respectivos barrios e parroquias como un verdadeiro espazo de encontro, convivencia e acompañamento das persoas que viven soas”, criticou o edil do BNG.
Igrexas lamentou que a única medida concreta anunciada nos últimos meses polo goberno de Abel Caballero quede reducida a facer 4 mil enquisas, cun orzamento de 85 mil euros. “O diagnóstico pode ser necesario, mais fica claro que non existe unha aposta decidida por parte do Concello de Vigo á hora de despregar solucións”, valorou.