O BNG propón ao grupo de apoio a ‘La Insurgencia’ para os Vigueses/as Distinguidos/as deste ano
O colectivo musical, do que 5 dos seus 12 integrantes eran de Vigo, foi condenado a penas de prisión, inhabilitación e multas por uns versos nas letras das súas cancións.
Xabier P. Igrexas: “A loita en defensa da liberdade de creación e expresión merece do maior recoñecemento da nosa cidade”.
O Bloque Nacionalista Galego anunciou esta mañá que proporán ao Grupo de Apoio do Colectivo Musical ‘La Insurgencia’ para ser recoñecido como Vigueses/as Distinguidos/as deste ano.
“Seis meses de prisión, oito anos de inhabilitación e multas de mil douscentos euros por uns versos en letras de cancións rap. Non é unha sentenza da Arabia Saudita, é un fallo xudicial do Tribunal Supremo español”. Desta maneira, sinalou o concelleiro do BNG en Vigo, Xabier P. Igrexas, o carácter “aberrante e inxusto” da sentenza contra o Colectivo Musical ‘La Insurgencia’, dos que 5 das súas 12 integrantes son de Vigo.
Igrexas defendeu a concesión do título de Vigueses/as Distinguidos/as ao Grupo de Apoio a ‘La Insurgencia’ polo “seu inxente labor e activismo, non só para denunciar ese incomprensíbel proceso xudicial, máis propio da censura doutra época, senón para defender as liberdades civís e o dereito irrenunciábel á plena liberdade de expresión”.
Para o portavoz municipal nacionalista, a causa contra ‘La Insurgencia’ deixa en evidencia ao réxime político español, que malia se presentar como “unha democracia presuntamente consolidada”, demostra con sentenzas como a ditada contra este colectivo musical por causa dunhas letras que “actúa con puño de ferro contra os febles, restrinxindo dereitos democráticos, pero con man de seda cos poderosos e os corruptos de pescozo branco”.
“Se algo define a historia de Vigo, como urbe moderna e de vangarda, é que se construíu sobre unha permanente defensa das liberdades. A loita en defensa da liberdade de creación e expresión merece do maior recoñecemento da nosa cidade”, remachou.