O BNG propón que o Concello de Vigo transfira 300 mil euros á UNRWA para axudar á poboación palestina
A fronte nacionalista chama o Goberno municipal a rectificar na súa “indiferenza” diante do xenocidio na Palestina, despois de bloquear as iniciativas do Bloque para recoñecer a Axencia de Nacións Unidas coa Medalla da Cidade e de acordar unha declaración institucional para un cesar o fogo inmediato
Xabier P. Igrexas: “Falamos de apenas 1 euro por cada vigués e viguesa que pode ser absolutamente chave para salvar vidas”
O Bloque Nacionalista Galego vén de trasladar este mércores a proposta de que o Concello de Vigo transfira un mínimo de 300 mil euros á Axencia de Nacións Unidas para os Refuxiados/as de Palestina en Oriente Próximo (UNRWA). Unha medida que, a xuízo da fronte nacionalista, axudará a garantir a alimentación, a asistencia sanitaria e a educación para a poboación civil da Palestina, vítima dende hai xa 180 días dun “brutal” xenocidio por parte do Estado de Israel en pleno século XXI.
“Falamos de apenas 1 euro por cada vigués e viguesa que poden ser absolutamente chave para salvar vidas”, expresou o portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, lembrando que son case 33 mil as persoas asasinadas e 76 mil as feridas, das que 7 de cada 10 vítimas son crianzas e mulleres, e case 2 millóns de persoas forzadas a se desprazar sen garantías de acceso a auga, alimentos ou material sanitario.
Igrexas considerou que é unha oportunidade para que rectifique o Goberno de Abel Caballero, despois de bloquear as iniciativas do BNG para que o Concello de Vigo expresase a través dunha declaración institucional a súa firme oposición ao xenocidio en curso en Gaza e a esixencia dun inmediato cesar o fogo, así como do seu veto “indigno” a recoñecer o desempeño da UNRWA coa Medalla da Cidade. “PSOE e o PP decidiron negarlle ese recoñecemento para, en troca, premiar a unha empresa amiga que fai negocio coa saúde de millares de viguesas e vigueses”, afeou.
O portavoz nacionalista puxo en valor o traballo esencial desta organización humanitaria que cumpre 75 anos de existencia como “salvavidas de esperanza” para o pobo palestino, en palabras do propio secretario xeral das Nacións Unidas, Antonio Guterres. “Un esforzo inda máis heroico tendo en conta que son xa 176 os e as cooperantes da UNRWA asasinadas desde o 7 de outubro e máis de 161 as instalacións afectadas polas agresións militares de Israel”, defendeu Igrexas.
“A indiferenza diante da crueldade tórnase complicidade”, remachou o voceiro do BNG, reiterando a necesidade de que o Concello de Vigo se posicione fronte á “barbarie inhumana” que está a provocar que cada vez un maior número de persoas morran literalmente de fame polo bloqueo ilegal de axuda humanitaria.