O BNG de Vigo pide participación real para definir as Zonas de Baixas Emisións en lugar das “enquisas fake” de Caballero

Foto:vigoalminuto.com
Foto:vigoalminuto.com

A fronte nacionalista demanda a convocatoria dos Consellos Sectoriais de Transporte e de Medio Ambiente do Concello para abrir un verdadeiro debate sobre as ZBE

Defende unha alternativa á “mala copia de Madrid Central” que quere impoñer o Goberno municipal e rexeita que se multe a quen non se poida permitir un vehículo híbrido/eléctrico

Xabier P. Igrexas: “O reto que temos como cidade é ofrecer alternativas para que haxa que usar menos o coche apostando pola mobilidade peonil, en bicicleta e bus urbano”

O BNG de Vigo pide participación real para definir as Zonas de Baixas Emisións en lugar das “enquisas fake” de Caballero

O Bloque Nacionalista Galego pide abrir un proceso participativo real en Vigo para definir as Zonas de Baixas Emisións (ZBE) en lugar das “enquisas fake” anunciadas polo Goberno de Abel Caballero. A fronte nacionalista demanda así a convocatoria dos Consellos Sectoriais de Transporte e de Medio Ambiente do Concello para abrir un verdadeiro debate, con diálogo e coa participación dos colectivos sociais e da veciñanza, para decidir a aplicación desta medida.

“As Zonas de Baixas Emisións non poden supoñer baixo ningún concepto que se castigue con multas á inmensa maioría social que non se pode permitir comprar un vehículo híbrido ou eléctrico”, advertiu o portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, rexeitando a “mala copia de Madrid Central que quere impoñer o Goberno local”, que prevé sancionar por circular ou acceder en catro zonas/perímetros da cidade.

Igrexas defendeu a aposta nacionalista de facer de toda a cidade unha ZBE, revolucionando a mobilidade e democratizando o espazo público. Un modelo no que se ofrezan alternativas ao uso do vehículo privado, reducindo o tráfico ao mínimo necesario, dando prioridade ao tránsito a pé, en bicicleta e vehículos de mobilidade persoal e, con especialmente, mellorando o servizo de autobús urbano.

“O reto que temos como cidade, para avanzar na sustentabilidade e enfrontar a emerxencia climática, non é que circulen menos coches de combustión senón que haxa posibilidades para usar menos o coche”, reivindicou o portavoz municipal do BNG

Dende o Bloque cuestionaron nese sentido a pouca efectividade do modelo de perímetros a respecto doutros como o de Pontevedra. “Revolucionar a mobilidade demostrou con éxito noutras cidades que o camiño para reducir as emisións contaminantes pasa por crear espazos urbanos máis seguros e habitábeis e non por fixar unhas poucas zonas onde non se deixa circular segundo o tipo de vehículos”, remachou. 

O BNG de Vigo pide participación real para definir as Zonas de Baixas Emisións en lugar das “enquisas fake” de Caballero