O BNG propón crear en Vigo un servizo municipal de apoio á crianza

SAVE_20190828_165428
SAVE_20190828_165428
  • Xabier P. Igrexas: “Temos que facer de Vigo unha cidade pensada tamén para cativada”.
  • O servizo que propoñen ofertaría asesoramento gratuíto ás familias sobre alimentación, porteo, desenvolvemento psicosocial ou pedagoxía.
O BNG propón crear en Vigo un servizo municipal de apoio á crianza

O BNG de Vigo vén de propoñer que o Concello poña en marcha un servizo municipal de apoio á crianza. Con esta iniciativa a fronte nacionalista pretende que se ofreza “un maior apoio aos diferentes modelos de familia no que ten a ver coa crianza e coidado dos fillos e fillas”, segundo explicou o concelleiro, Xabier P. Igrexas.

Este servizo desenvolvería diferentes actividades en colaboración e cooperación con colectivos sociais e administracións. Entre estas, Igrexas destacou a oferta dun asesoramento integral e gratuíto, sobre cuestións como a lactancia, o porteo, o desenvolvemento psicosocial, alimentación e saúde infantís ou pedagoxía para a crianza. “Con este servizo colocaríamos a nosa cidade nunha posición de vangarda e atenderiamos necesidades de nais e pais que non están a ser atendidas desde o público”, defendeu o edil.

O portavoz municipal nacionalista destacou que neste momento este tipo de atencións están a ser ofrecidas por pequenas asociacións, con escasos medios e desde o voluntariado. Un traballo que Igrexas quixo “recoñecer e agradecer” mais demandou unha maior implicación en políticas de apoio á crianza e á infancia por parte de todas as administracións, a principiar polo Concello.

“Este servizo municipal de apoio á crianza quere ser a primeira pedra, o primeiro paso nun vieiro estratéxico que nos permita facer de Vigo unha cidade pensada para as nenas e os nenos, na que se teña en conta a cidadanía de menor idade”, resumíu.

O BNG propón crear en Vigo un servizo municipal de apoio á crianza