O BNG propón elaborar unha Estratexia Local de Sustentabilidade para avanzar cara a un “Vigo máis verde”

asemblea
  • Xabier P. Igrexas denuncia a falla de compromiso do Concello de Vigo e chama “pasar das palabras aos feitos” para abordar os reptos ambientais.
O BNG propón elaborar unha Estratexia Local de Sustentabilidade para avanzar cara a un “Vigo máis verde”

O Bloque Nacionalista Galego vén de propoñer que o Goberno municipal de Vigo impulse a elaboración e posta en marcha dunha Estratexia Local de Sustentabilidade para a cidade. O concelleiro do BNG, Xabier P. Igrexas, defendeu esta proposta chamando a “pasar dos discursos aos feitos”. Igrexas lembrou que o Pleno da Corporación aprobou hai varias semanas a declaración de emerxencia climática e defendeu que non quede nun “brinde ao sol”.

 “O Concello de Vigo pode facer moito máis para aplicar verdadeiras políticas ecolóxicas e avanzar cara a un Vigo verde e de futuro”, afirmou o portavoz municipal nacionalista. Neste sentido, Igrexas explicou que a Estratexia Local de Sustentabilidade pretende ser unha folla de ruta que recolla e planifique actuacións concretas a nivel municipal para encarar os reptos ambientais. Para a súa elaboración demandan a máxima participación, tanto do movemento ecoloxista, tecido asociativo, das forzas políticas e da propia veciñanza. 

Falla de compromiso municipal

Desde a fronte nacionalista denuncian que malia os discursos e a retórica pretensamente ecoloxista, en alusión as declaracións do alcalde na cimeira climática en Madrid, a realidade é ben diferente. “Vivimos nunha cidade na que se baldean as rúas día si e día tamén con auga potábel, na que se suprimiron carrís bus e non hai unha aposta real pola mobilidade colectiva, na que se instalan canóns de neve artificial ou se presume de instalar millóns de lámpadas LED”, contrapuxo o edil nacionalista. 

Aliás, Igrexas criticou que fique nun caixón o proxecto de recuperación do areal do Samil ou que desde o Concello non se despreguen máis medios para protexer, valorizar e dinamizar os nosos montes. “Se queremos unha cidade moderna e con futuro temos que reconciliarnos co noso medio natural e iso non se fai con palabras”, remachou.

O BNG propón elaborar unha Estratexia Local de Sustentabilidade para avanzar cara a un “Vigo máis verde”