O BNG propón recuperar o cine Fraga para convertelo no grande Teatro Municipal de Vigo
O candidato nacionalista á Alcaldía de Vigo chama a despregar políticas culturais que “humanicen de verdade a cidade” dando unha nova vida a este espazo emblemático no corazón de Vigo tras máis de dúas décadas pechado
Xabier P. Igrexas: “Un proxecto que permitirá desenvolver o enorme talento artístico que latexa en Vigo e a grande potencia das artes escénicas na maior cidade de Galiza”
O Bloque Nacionalista Galego propón recuperar o antigo teatro cine Fraga para convertelo no grande Teatro Municipal de Vigo. Así o anunciou este luns o candidato nacionalista á Alcaldía de Vigo, Xabier P. Igrexas, que chamou a despregar políticas culturais que “humanicen de verdade a cidade” dando unha nova vida a este espazo emblemático no corazón de Vigo tras máis de dúas décadas pechado.
“Este proxecto é un dos eixos principais dentro da aposta estratéxica do BNG para facermos que Vigo volva referenciarse como vangarda na creación cultural”, destacou Igrexas, que chamou a “deixar atrás” as políticas que durante os últimos anos “desertizaron” a cultura da cidade dando un xiro de 180 graos á actual programación cultural.
“Un proxecto que permitirá desenvolver o enorme talento artístico que latexa en Vigo e a grande potencia das artes escénicas que temos na maior cidade de Galiza”, explicou o candidato do BNG
Sumou esta iniciativa a algunhas das propostas culturais xa anunciadas polas nacionalistas como transformar a antiga factoría de pinturas de Teis nunha Fábrica Cultural ou facer da cidade a sede dunha Mostra Atlántica de Danza e Circo.
Igrexas asegurou que este proxecto vai precisar da colaboración doutras administracións, mais considerou que o prioritario para levalo adiante é o “impulso decidido” do Concello de Vigo. “Un BNG determinante a partir do vindeiro 28 de maio vai ser a garantía de que a cultura da cidade volva ter no Concello un potenciador e non un atranco, pasando dunha cidade consumidora a creadora”, remachou.