MUNICIPAIS 2023

O BNG de Vigo pide triplicar o persoal dos servizos sociais para rematar co “colapso”

Encontro Política Social do BNG de Vigo
Encontro Política Social do BNG de Vigo

A fronte nacionalista defende nun encontro con colectivos sociais un incremento dos recursos diante da “inxustificábel e indecente precariedade” que padecen pola falla de medios e persoal, con demoras de máis dun mes

Xabier P. Igrexas, candidato á Alcaldía: “Ten que haber un compromiso real para facer do Concello de Vigo un parapeto social para que ninguén quede atrás, iso é humanizar de verdade unha cidade”

O BNG de Vigo pide triplicar o persoal dos servizos sociais para rematar co “colapso”

O Bloque Nacionalista Galego pide triplicar o persoal dos servizos sociais de Vigo para rematar co “colapso” dos últimos anos. A fronte nacionalista defendeu este luns, nun encontro con colectivos sociais da cidade, un incremento dos recursos diante da “inxustificábel precariedade” que padecen os servizos sociais pola falla de medios e persoal, con demoras de máis dun mes para ter unha primeira cita.

“É indecente que un Goberno municipal que deixou sen gastar 436 millóns de euros no último mandato teña os servizos sociais baixo mínimos para enfrontar situacións de verdadeira emerxencia social”, denunciou o candidato do BNG á Alcaldía de Vigo, Xabier P. Igrexas, que chamou a reforzar esta área diante do actual contexto de agravamento da crise, con máis de 60 mil persoas en risco de exclusión social e pobreza en Vigo segundo o índice Arope.

Igrexas asegurou que esta proposta de triplicar o número de traballadoras e traballadores sociais, que hoxe apenas son 31, permitiría á cidade cumprir cos ratios mínimos fixados polo Consello do Traballo Social.

“Non podemos entender como o Goberno municipal deixou sen gastar preto de 10 millóns de euros no capítulo de persoal en 2022 e ten case 400 prazas de persoal do Concello sen adxudicar”

Nese sentido, o candidato do BNG reiterou a proposta nacionalista de crear unha Renda Social Municipal co propósito de complementar as pensións non contributivas, a Risga e o Ingreso Mínimo Vital até un mínimo do 75% do salario mínimo. “Inda que non se poida inaugurar, axudar ás familias máis vulnerábeis e ás persoas empobrecidas ten que ser unha verdadeira prioridade”, defendeu, en contraposición co “tesoirazo” aplicado este ano polo Goberno local cun recorte dun 22% das axudas sociais.

Vivendas de emerxencia

Outra das medidas do programa nacionalista aposta por ofrecer alternativas habitacionais para persoas en risco de exclusión social, creando e reservando vivenda social para situacións de emerxencia. Na mesma liña, Igrexas tamén chamou a despregar medidas de apoio a persoas en risco de ser desafiuzadas para evitar que sexan expulsadas das vivendas. Así mesmo, chamou a despregar iniciativas de ‘Housing First’ como alternativa para facilitar a inclusión das persoas sen fogar. “Ten que haber un compromiso real para facer do Concello de Vigo un parapeto social para que ninguén quede atrás, iso é humanizar de verdade unha cidade”, concluíu Igrexas.
O BNG de Vigo pide triplicar o persoal dos servizos sociais para rematar co “colapso”