O BNG reclama que se dote a Vigo dun campo de béisbol

beisbol01
Xabier P. Igrexas e Carlos Garcia

Esixen que o alcalde cumpra coa palabra dada en 2016 para evitar a desaparición do único clube de elite que fica en activo.

Xabier P. Igrexas: “Un clube vigués ten que competir como local en Oviedo porque non teñen campo. Esa é a aposta do Goberno municipal polo deporte vigués”.

O BNG reclama que se dote a Vigo dun campo de béisbol

VIGO, 12 de xaneiro de 2021.- O Bloque Nacionalista Galego demandou esta mañá que o Concello de Vigo dote a cidade dun campo que permita a práctica deportiva do béisbol. Así o manifestou o concelleiro do BNG na cidade olívica, Xabier P. Igrexas, en rolda de prensa após a xuntanza mantida co presidente da Federación Galega de Béisbol e Sófbol, Carlos García, e representantes do béisbol vigués.

Igrexas subliñou que o béisbol é un deporte con longa tradición na cidade que leva practicándose en Vigo por volta de catro décadas e que chegou a atinxir a 300 deportistas federados e federadas. O edil explicou que após a desaparición do clube “Los Halcones” en 2019, que chegou a disputar a máxima categoría na liga estatal, o único clube en competición oficial que se mantén en activo é “Os Trasnos”. A pesar de se tratar dun clube de elite da cidade e que compite na liga estatal, “Os Trasnos” levan cinco anos sen campo no que competir na cidade, após o feche do campo de “As Plantas” en Bembrive.

“En 2016 Abel Caballero prometeu non só un novo campo senón que sería un dos mellores do Estado, pero o que temos a día de hoxe é un clube que ameaza con desaparecer como xa sucedeu con Los Halcones e que a tempada pasada tivo que xogar como local en Oviedo, a 5 horas de viaxe desde Vigo. Esta é a aposta real do Goberno municipal polo deporte vigués”, afirmou.

O portavoz municipal nacionalista reclamou que se efectivice ese compromiso para evitar a desaparición do béisbol na cidade. “Non é un problema de recursos, porque falamos dun investimento de entre 100 mil e 200 mil euros. Tampouco de espazos, porque hai pouco o alcalde anunciaba novas instalacións deportivas nos terreos que vai ceder Adif na contorna de Isaac Peral. É un problema de vontade política”, enfatizou.

Para Igrexas é “inxustificábel” que o Concello de Vigo leve dez anos se invertir un só euro de diñeiro público en garantir que o béisbol teña unhas instalacións nas que adestrar e competir para que Vigo deixe de ser a única cidade do Estado que ten un clube que compite sen campo. Neste sentido, rexeitou que esta cuestión poida resolverse a través dunha nova convocatoria de subvencións, toda vez a anterior ficou deserta. “Hai que aplicar o mesmo modelo que con outros deportes. Ten que ser o Concello quen promova un campo municipal. O resto son pantallas da fume”, reprochou.

Demandan compromiso

O presidente da Federación Galega de Béisbol e Sófbol, Carlos García, demandou un compromiso por parte do Concello de Vigo a favor deste deporte, poñendo en valor a importancia dos e das deportistas viguesas nesta disciplina nos últimos anos.

García explicou que levan anos reclamando unhas instalacións que permitan competir na principal cidade galega e tamén que fagan posíbel estender este deporte entre as nenas e nenos.

Desde a federación lamentan a falla de resposta por parte do concelleiro de Deportes e do propio alcalde diante da reiterada petición. “Parece que o que se pretende é que siga reducíndose o número de deportistas federados en Vigo para non ter que facer o campo”, lamentou García..

O BNG reclama que se dote a Vigo dun campo de béisbol