CORONAVIRUS

O BNG de Vigo urxe o reforzo de persoal de Atención Primaria para axilizar o proceso de vacinación fronte á Covid19

vacina
A fronte nacionalista insta a Delegada da Xunta en Vigo, Marta Fernández Tapias, a explicar publicamente cal vai ser o calendario e como se van reforzar os centros de saúde da cidade.
O BNG de Vigo urxe o reforzo de persoal de Atención Primaria para axilizar o proceso de vacinación fronte á Covid19

VIGO, 11 de xaneiro de 2021.- O Bloque Nacionalista Galego demanda "dilixencia e transparencia" á Xunta na posta en marcha do plan de vacinación contra o coronavirus, e reclaman que se reforce con máis persoal a Atención Primaria.

O portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, advertiu da "tendencia preocupante" que se está a rexistrar nas últimas semanas na evolución da pandemia. "Arestora estamos preto dos 1400 casos activos na área sanitaria, cun incremento da presión asistencial, o que nos coloca nos niveis de hai un mes", sinalou.

Igrexas criticou a falla de explicacións por parte do Goberno galego a respeito do calendario no que se vai desenvolver o plan de vacinación, polo que a fronte nacionalista xa reclamou a comparecencia do conselleiro de Sanidade e mais do presidente da Xunta no Parlamento galego.

Neste sentido, o edil nacionalista instou a Delegada da Xunta de Galiza en Vigo, Marta Fernández Tapias, a "poñer fin ao seu descanso vacacional polo nadal e a explicar a todas as viguesas e vigueses con que calendario ten previsto despregar a vacinación a toda a poboación na nosa área sanitaria".

Desde a fronte nacionalista esixen o reforzo de persoal da Atención Primaria que está, segundo sinalou Igrexas, "nunha situación límite ao borde do colapso por causa dos continuados recortes aplicados polo Partido Popular". "É claro que para axilizar a vacinación, como recomendan as autoridades sanitarias, é imprescindíbel reforzar os centros de saúde con máis persoal", enfatizou. 

O BNG de Vigo urxe o reforzo de persoal de Atención Primaria para axilizar o proceso de vacinación fronte á Covid19