O BNG reclama a PP e PSOE que deixen de “dinamitar por intereses partidistas” o Campus do Mar na ETEA

[Imaxe: UVigo]
[Imaxe: UVigo]

A fronte nacionalista rexistra iniciativas no Parlamento galego para esixir que a Xunta e o Goberno español desbloqueen este proxecto “estratéxico” para Vigo, que leva paralizado máis dunha década

Alexandra Fernández: “O Goberno galego ten que comprometerse dunha vez por todas a impulsalo e o Executivo central a aumentar o orzamento para facelo realidade”

Xabier P. Igrexas: “Non podemos tolerar que o permanente pim-pam-pum entre PP e PSOE teña de refén proxectos absolutamente chave para o futuro da nosa cidade”

O BNG reclama a PP e PSOE que deixen de “dinamitar por intereses partidistas” o Campus do Mar na ETEA

O Bloque Nacionalista Galego reclama a PP e PSOE que deixen de “dinamitar por intereses partidistas” o Campus do Mar na ETEA. A fronte nacionalista vén de rexistrar iniciativas no Parlamento galego para esixir que tanto a Xunta de Galiza como o Goberno español se comprometan a desbloquear este proxecto “estratéxico” para Vigo, que leva paralizado máis dunha década.

“A inacción e a falla de investimentos sistemáticas por parte das administracións públicas están facendo que as aspiracións da cidade e da comunidade investigadora continúen ano tras ano bloqueadas”, denunciou nese sentido a deputada do BNG no Parlamento galego, Alexandra Fernández, que demandou garantías do Goberno galego para impulsar “dunha vez por todas” este proxecto e do Executivo central un aumento das partidas orzamentarias para facelo realidade.

Fernández asegurou que a creación deste centros de investigacións mariñas na ETEA suporía dar un “salto cualitativo que convertería este complexo nunha referencia internacional”, desenvolvendo así o “grande potencial” nesta materia que existe en Vigo e Galiza.

Alexandra Fernández: “Dende febreiro de 2012 está aprobado o instrumento de ordenación desta área, o que falta é vontade política para impulsalo”

A deputada nacionalista alertou de que esta “parálise” se está traducindo nunha continua degradación dos espazos públicos e dos inmóbeis previstos para acoller o Campus do Mar no antigo complexo militar de Teis. Ademais, advertiu de que esta demora está facendo perigar a chegada dos fondos europeos para este proxecto, tal como está denunciando de vez a comunidade investigadora, e lembrou que ten que estar finalizado no verán de 2025.

Sobre o papel do Goberno español, Fernández afeou que estea destinando máis recursos a outras sedes do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) que á futura sede na ETEA, malia o papel chave de Vigo e Galiza no campo das investigacións mariñas. “Esta discriminación evidencia o desleixo do Goberno central coa nosa cidade”, remachou.

Fin da lea partidista

Na mesma liña, o portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, lamentou que este proxecto “estratéxico” para situar Vigo como capital galega da innovación científica fique paralizado por causa da “permanente lea partidista e da falla de compromiso” por parte do PP na Xunta e do PSOE dende o Concello e o Goberno español.

Xabier P. Igrexas: “O único que fixeron uns e outros durante máis dunha década foi dinamitar este proxecto”

Igrexas lembrou que ambas forzas políticas deixaron sen efecto os diferentes convenios asinados para desenvolver o futuro campus científico, tecnolóxico e das investigacións mariñas na ETEA. “Cunha descarada falla de cooperación e xogando, máis unha vez, ao canto peor mellor”, denunciou.

O portavoz nacionalista asegurou que o BNG non vai tolerar que os “intereses partidistas e o permanente pim-pam-pum” entre PP e PSOE teña como “reféns proxectos absolutamente chave” para o futuro da cidade, da área metropolitana e de Galiza. “Por iso imos reclamar de novo con rotundidade que o Goberno galego actúe para facilitar e axilizar a posta en marcha do Campus do Mar e tamén que o Goberno do Estado achegue os recursos necesarios”.

O BNG reclama a PP e PSOE que deixen de “dinamitar por intereses partidistas” o Campus do Mar na ETEA