O BNG de Vigo esixe ao Goberno municipal que aclare se tiña un acordo previo para patrocinar o concerto de Guns N’ Roses
A fronte nacionalista demanda a comparecencia da concelleira de Contratación diante das informacións publicadas polo xornal ‘El Salto’ que apuntan a que a licitación, que resultou deserta, foi unha “simulación” acordada coa promotora
Reclama acceso a toda a documentación sobre o concerto e o proceso de patrocinio
Xabier P. Igrexas: “É escandalosa a sospeita de que se teña tramado un procedemento con apariencia de legalidade para regalar case 2 millóns de euros públicos do Concello”
O Bloque Nacionalista Galego esixe ao Goberno municipal que aclare se tiña un acordo previo para patrocinar o concerto de Guns N’ Roses en Vigo. O concelleiro e futuro portavoz do grupo municipal do BNG, Xabier P. Igrexas, vén de rexistrar un escrito para demandar a comparecencia da concelleira de Contratación, na vindeira Comisión Informativa prevista para este mércores, diante das informacións publicadas polo xornal ‘El Salto’ que apuntan a que a licitación deste patrocinio, que resultou deserta, foi unha “simulación” acordada previamente coa promotora.
“Este procedemento estivo envolvido en claros indicios de irregularidades, tanto no que ten a ver coa súa formulación legal como co propio obxecto do pretendido patrocinio, denunciou Igrexas, que subliñou que “as singulares condicións” recollidas nas bases da licitación “limitaban na práctica” o acceso a esta convocatoria ao concerto da banda estadounidense organizado pola promotora Live Nation este luns 12 de xuño.
O portavoz nacionalista afeou que o Goberno municipal non teña ofrecido aínda ningunha explicación a respecto das numerosas dúbidas sobre o contrato nin sobre a declaración da licitación como deserta
Nin tampouco do alcalde, Abel Caballero, que non se pronunciou publicamente sobre este asunto pese a ser interpelado directamente polo edil do Bloque na última sesión do Pleno municipal celebrada este pasado 9 de xuño.
Este luns, novas informacións publicadas polo xornal ‘El Salto’ veñen de incrementar as “sospeitas” sobre a licitación, apuntando a que foi unha “simulación para revestir de aparencia de legalidade” a adxudicación ad hoc de case 2 millóns de euros para patrocinar a actuación de Guns N’ Roses na cidade, segundo fontes da propia promotora. Por estes motivos, dende a fronte nacionalista solicitaron tamén acceso a toda a documentación sobre o concerto e o procedemento de licitación do patrocinio publicitario.
Feitos que poderían ser ilícitos
“O BNG reclamamos que o Goberno municipal informe de se existía ou non algún preacordo, tácito ou expreso, coa promotora do concerto para garantirlle un patrocinio a cargo de recursos públicos do Concello e, en caso afirmativo, de que tenor, con que motivación e por instrución de quen”, demandou o portavoz do BNG, que engadiu que as informacións xornalísticas aseguran que este patrocinio era o “principal aliciente” para que a banda actuase en Vigo fronte a outros destinos cunha rendibilidade maior.
“É escandalosa a sospeita mesma de que se teña tramado un procedemento con apariencia de legalidade simplemente para regalar case 2 millóns de euros de todas as viguesas e vigueses”, reprochou Igrexas, que advertiu que de confirmarse estes feitos poderían ser "constitutivos de varios ilícitos, nomeadamente prevaricación administrativa, malversación de caudais públicos, tráfico de influencias e falsidade documental”.