O BNG urxe reforzar o dispositivo de frío en Vigo ante a insuficiencia de camas para persoas sen fogar
A fronte nacionalista critica as declaracións do alcalde en plena vaga de frío e denuncia que a cidade conta con menos de 70 camas, a metade das necesarias
Xabier P. Igrexas: “Cómpre lembrar que na mellor cidade para vivir, como di o lema que tanto repite Abel Caballero, o ano pasado morreron 16 persoas na rúa”
O Bloque Nacionalista Galego urxe reforzar de inmediato o dispositivo de frío en Vigo diante das baixas temperaturas nos últimos días. A fronte nacionalista denuncia a insuficiencia de medios con menos de 70 camas, entre recursos municipais e de organizacións asistencias, que non cobren nin á metade das persoas sen fogar que existen na cidade.
“Estes días de frío insoportábel continuamos a ver persoas tiradas na rúa, en portais ou parques”, lamentou o portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, alertando de que a maioría das camas dispoñíbeis na cidade están xa cubertas.
Igrexas afeou nese sentido as declaracións do alcalde, Abel Caballero, afirmando que en Vigo “ninguén que queira durmir baixo teito durme na rúa”. Fronte a este discurso “cínico e aporofóbico”, o portavoz municipal nacionalista esixiu máis recursos para acoller e asistir ás persoas empobrecidas da cidade, garantindo teito para todas.