O BNG alerta dun “novo atraco” de Aqualia a edificios de Vigo polas tomas para bombeiros

Xabier P. Igrexas, portavoz municipal do BNG de Vigo
Xabier P. Igrexas, portavoz municipal do BNG de Vigo

A fronte nacionalista considera “inxustificado” a reclamación de 120 euros cando a concesionaria non presta ningún servizo e as comunidades xa pagaron pola acometida

Xabier P. Igrexas: “Un exemplo máis da barra libre con Aqualia por parte de Caballero, que en 2021 modificou unilateralmente a ordenanza da auga co voto en contra do BNG”

O BNG alerta dun “novo atraco” de Aqualia a edificios de Vigo polas tomas para bombeiros

O Bloque Nacionalista Galego alerta dun “novo atraco” de Aqualia a edificios de Vigo. A fronte nacionalista denuncia que a empresa concesionaria que xestiona a auga na cidade está a remitir reclamacións a comunidades de propietarios para un pago de máis de 120 euros por contar con toma de auga para o uso exclusivo do servizo de bombeiros en casos de emerxencia.

“Estamos diante dun novo atraco por parte da concesionaria permitido e alentado por Abel Caballero”, criticou o portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, lembrando que o Goberno municipal modificou unilateralmente en 2021, co voto en contra do BNG, a ordenanza da auga para impoñer un novo sistema tarifario que “xa se demostrou unha verdadeira estafa” e que incluía este novo cobro que, até o momento, non se aplicara.

Igrexas cualificou de inxustificada esta reclamación de Aqualia, dado que a concesionaria non presta ningún servizo nin figura ese concepto nos contratos. Nesa liña, salientou que as propias comunidades de propietarios xa pagaron no seu momento por esta acometida de emerxencias. “E co agravante de que esas conexións de emerxencia non son utilizadas de maneira preferente polos propios bombeiros, xa que se emprega a propia motobomba da dotación ou se utilizan acometidas públicas”, engadiu.

Dende o BNG consideraron este caso un exemplo máis da “política de barra libre” de Abel Caballero coas grandes empresas concesionarias. “Xa chega ao extremo como neste caso de cobrar por nada”, afeou o portavoz municipal nacionalista, demandando ao Goberno local que rectifique. “Este sen sentido só serve para seguir enchendo, inda máis, os petos privados de Aqualia, nunha cidade na que xa temos a tarifa de auga máis cara de toda Galiza”, remachou.

O BNG alerta dun “novo atraco” de Aqualia a edificios de Vigo polas tomas para bombeiros