MUNICIPAIS 2023

O BNG reivindica Vigo como unha cidade “orgullosamente diversa” fronte á LGBTfobia

Encontro do BNG Vigo con colectivos LGBT
Encontro do BNG Vigo con colectivos LGBT

O candidato nacionalista á Alcaldía mantivo este luns un encontro con colectivos LGBT da cidade para trasladar as súas propostas para avanzar cara unha cidade máis inclusiva

Xabier P. Igrexas: “O BNG defendemos un maior compromiso por parte do Concello, tanto no simbólico como no práctico, para afirmarmos con rotundidade que estamos orgullosas e orgullosos de sermos unha cidade diversa e integradora”

O BNG reivindica Vigo como unha cidade “orgullosamente diversa” fronte á LGBTfobia

O Bloque Nacionalista Galego reivindica Vigo como unha cidade “orgullosamente diversa” fronte á LGBTfobia. Así o afirmou o candidato nacionalista á Alcaldía, Xabier P. Igrexas, que mantivo este luns xunto á candidata número 2, Ana Martínez, un encontro con colectivos LGBT da cidade para trasladar as medidas do BNG para avanzar cara unha cidade máis inclusiva e recoller propostas para incorporar no seu programa aberto.

Igrexas propuxo incorporar a perspectiva LGBT nos principais plans e programas municipais co obxectivo de “garantir a transversalidade” das políticas. “O BNG defendemos un maior compromiso por parte do Concello de Vigo, tanto no simbólico como no práctico, para afirmarmos con rotundidade que estamos orgullosas e orgullosos de sermos unha cidade diversa, inclusiva e integradora”, asegurou o cabeza de lista nacionalista.

O candidato do Bloque apostou por desenvolver plans de formación na prevención, orientación e erradicación das actitudes de acoso e LGBTfobia, con especial atención a educadores/as, traballadores/as sociais, policía local e funcionariado. No mesmo sentido, chamou a poñer en marcha programas de sensibilización e visibilización da diversidade sexual, de xénero e familiar no ámbito escolar.

Igrexas cualificou ademais de “incomprensíbel” que a maior cidade de Galiza non dispoña dun servizo de atención nesta materia e lamentou o escaso apoio que recibe o tecido asociativo da comunidade LGBT na cidade

Demandou nese sentido máis recursos públicos como “verdadeiro dique de contención contra os discursos do odio e como único instrumento das viguesas e dos vigueses para facer valer a súa liberdade sexual e a diversidade de identidades”.

No ámbito laboral, o cabeza de lista do Bloque considerou fundamental despregar campañas informativas para combater o mobbing contra o colectivo. Ademais, chamou a poñer en marcha medidas de prevención da LGBTfobia en actividades xuvenís, asociacións de ocio e tempo libre así como nos departamentos de orientación dos centros e das asociacións de pais e nais, con medidas de asesoramento para o alumnado.

Dende a fronte nacionalista piden tamén conmemorar dende o Concello xornadas relacionadas co colectivo LGBT como o 31 de marzo (Día da Visibilidade Trans), o 26 de abril (Día Internacional da Visibilidade Lésbica), o 17 de maio (Día Internacional contra a LGBTfobia), o 8 de xuño (Día da Visibilidade Lésbica Galega), o 28 de xuño (Día Internacional do Orgullo LGBT), o 23 de setembro (Día da Visibilidade Bisexual) e o 20 de novembro (Día da Memoria Trans).

O BNG reivindica Vigo como unha cidade “orgullosamente diversa” fronte á LGBTfobia