MUNICIPAIS 2023
O BNG defende en Vigo desbloquear a transferencia da AP-9 para que sexa “galega e libre de peaxes”
Xabier P. Igrexas, candidato do BNG á Alcaldía: “Moito ‘Viva Vigo’ pero á hora da verdade segue os ditados de Moncloa e Ferraz”
Néstor Rego denuncia a actitude do PSOE no Congreso após non retirar as emendas rexistradas á Lei de transferencia: “votan unha cousa na Galiza e outra diferente en Madrid. Non respectan a soberanía galega”
O Bloque Nacionalista Galego realiza unha acción simbólica na entrada da Autoestrada do Atlántico no barrio de Teis, en Vigo,, para reclamar a gratuidade e transferencia inmediata da AP-9 á Galiza. A frente nacionalista denuncia a actitude de PSOE por non ter retirado as emendas que afectan substancialmente o texto aprobado no Parlamento de Galiza pola unanimidade da cámara e non respectando os últimos acordo da institución galega.
“A semana pasada o Partido Socialista mantivo no Congreso unha actitude inflexíbel e non quixeron desbloquear os traballos da ponencia para a transferencia da AP-9. Mesmo non quixo retirar as súas emendas que modifican substancialmente o contido da propia Lei aprobada pola unanimidade da cámara galega” denuncia o deputado do BNG na cámara baixa.
Unha actitude, continúa, que desobedece o recente acordo unánime do Parlamento de Galiza –por iniciativa do BNG- pedindo os grupos do Congreso que respectasen o texto orixinal da cámara galega e se tramitase de maneira áxil a lei: “votan unha cousa na Galiza e outra diferente en Madrid. Non respectan a soberanía da Galiza”.
Ningunha das solucións propostas pola frente nacionalista durante os traballos –manter as emendas e pasar o texto á Comisión ou volver a convocar a ponencia para esta semana- lle valeu ao PSOE e “ratificouse na súa posición de bloqueo, contraria esta postura á acordada polo Parlamento de Galiza”.
“O BNG continúa a respectar a soberanía da cámara galega mais o PSOE insiste en modificar o texto con emendas que só contemplan a transferencia da xestión e non da titularidade, tal e como estabelece a propia Lei aprobada polo Parlamento de Galiza” destaca Rego
Na mesma postura que PSOE, explica o deputado nacionalista, tamén se atopan Ciudadanos e VOX o que “faría inviábel a tramitación e aprobación da lei”. Segundo explica Néstor Rego, debe existir a suficiente presión política e social na Galiza “para que a posición do Partido Socialista se modifique e respecte o que soberanamente decidiu o noso Parlamento”. Do contrario, alega, estarían a faltar ao respecto a unha institución como o Parlamento de Galiza e ao conxunto dos galegos e galegas: “estanlle mentindo á Galiza porque din que van facer unha cousas cando están facendo a contraria” declara o deputado nacionalista.
Alén do máis, Rego lembra que o obxectivo do BNG non é só a transferencia senón lograr que a AP-9 quede libre de peaxes e sexa gratuíta por tratarse dunha vía de comunicación esencial para o conxunto dos galegos e galegas. “Debe terse en conta que a propia Comisión Europea puxo en dúbida a legalidade da prórroga da concesión da AP-9 e que debería anularse esa operación” explica o deputado do BNG. “Reclamamos que se anule a prórroga e que a AP-9 pase a ser unha autoestrada galega e libre de peaxes”.
Poñer fin á "navallada" en Vigo
Pola súa banda, o candidato do BNG á Alcaldía de Vigo, Xabier P. Igrexas, chamou a poñer fin á “navallada” que supuxo para a cidade ser atravesada pola AP-9. Propuxo, nese sentido, avanzar na conversión en vía urbana do tramo da autoestrada dende o seu acceso na altura das Torres de Padín.
Unha actuación que o cabeza de lista nacionalista cualificou de “imprescindíbel” para facer deste ámbito da cidade un espazo máis “habitábel”. Lembrou que as veciñas e veciños de Teis -en particular nos núcleos de San Pablo, Coutadas e Boán- levan décadas soportando ruídos “insoportábeis”, cos niveis máis elevados de todo o trazado da AP-9.
Así, Igrexas volveu reclamar do Goberno español de PSOE e Unidas Podemos a instalación de pantallas acústicas namentres non se completa a transformación en tramo urbano. E reiterou tamén a necesidade de mellorar os pasos elevados da Trapa e da Xorxa para permitir o tránsito “seguro” tanto de peóns como de vehículos.
“Son reivindicacións históricas da veciñanza que os sucesivos Executivos centrais levan demasiados anos a desatender”, lamentou o cabeza de lista nacionalista
Igrexas garantiu que o Bloque volverá trasladar estas demandas, tanto a través de iniciativas no Congreso como de emendas aos Orzamentos Xerais do Estado, para rematar “dunha vez por todas” con esta situación.
O candidato do BNG subliñou que a veciñanza de Teis merece un Concello que se poña ao seu carón e que Vigo precisa dun Goberno municipal que defenda con firmeza os seus intereses en lugar de “someterse mansanente” aos seus xefes de Madrid. “Moito 'Viva Vigo' pero á hora da verdade segue os ditados de Moncloa e Ferraz", reprochou Igrexas fronte á falla de compromiso do actual Goberno local.