O BNG revela que os servizos xurídicos do Concello de Vigo advertiron de que a carta de interese de Guns N’ Roses podía constituír un “precontrato”
A fronte nacionalista acusa ao Goberno de Caballero de manipular os feitos e esconder a carta de interese até a reclamación administrativa realizada pola promotora do concerto
Xabier P. Igrexas: “É indiscutíbel que actuou en contra do criterio dos servizos xurídicos e de maneira abertamente irregular, sen pedir a emisión formal dun informe e sen abrir o preceptivo expediente coa carta de interese”
O Bloque Nacionalista Galego revela que os servizos xurídicos do Concello de Vigo advertiron de que a carta de interese coa promotora de Guns N’ Roses, antes de ser remitida o pasado mes de outubro, podía constituír un “precontrato”. Unha información que desminte as afirmacións realizadas polo voceiro do Goberno municipal, Carlos López Font, que asegurou a pasada semana que os propios servizos xurídicos avalaban a súa actuación.
Así, o portavoz municipal do BNG, Xabier P. Igrexas, desvelou este luns que os servizos xurídicos amosaron “sempre a desconformidade” co contido da carta de interese, como consta nas consultas informais realizadas pola concellaría de Festas, a través do intercambio de varias mensaxes de correo electrónico previos ao envío do documento. Non entanto, a carta de interese foi asinada e remitida sen sometela ao preceptivo informe xurídico.
Nese sentido, unha das comunicacións recolle unha advertencia explícita da letrada da Asesoría Xurídica sobre o carácter vinculante do borrador da carta de interese nos seguinte termos: “Sigue conteniendo previsiones que aparentan ser un precontrato y por lo tanto parece que contiene una obligación para la administración en su celebración en caso de que prospere. Debe indicarse expresamente que ese documento no es contrato, convenio, ni precontrato ni nada parecido porque de la forma que lo estais redactando si que lo parece”. En base a esta advertencia, e dado que non recibiron resposta do servizo de Festas, a mesma técnica afirma que “deu por sentado que á vista do advertido non procedería á sinatura do borrado”.
“O recadeiro detrás do que se esconde Caballero quixo dar a entender que os servizos xurídicos do Concello avalaban a actuación do Goberno municipal, algo que é radicalmente falso, foi literalmente o contrario”, cuestionou Igrexas sobre as afirmacións de Font. De feito, os propios servizos xurídicos manifestan que non tiveron coñecemento formal da carta de interese até o 29 de xuño, cando foi incorporada tras dúas reclamacións administrativas da promotora Sweet Nocturna, polo que non se non se realizou a preceptivo emisión dun informe nin se abriu o preceptivo expediente sobre a carta de interese.
“Font utilizou, el si de maneira torticera, e volvendo tentar retorcer os feitos para manipular e intoxicar, o informe xurídico co que a Xunta Goberno Local acordou a pasada semana desestimar e inadmitir os dous recursos presentados pola promotora Sweet Nocturna reclamando o que lles prometeran na carta de interese”, criticou o portavoz nacionalista.
Igrexas asegurou que, malia os numerosos intentos do Goberno de Caballero por esconder esta información, foi grazas á acción política do BNG que as viguesas e vigueses “comezan a coñecer a verdade sobre o caso. “De maneira firme e insistente derribamos o muro de opacidade que o Goberno municipal tiña erguido para tapar o sucedido”, valorou.
Porén, asegurou que a fronte nacionalista continuará examinando a documentación dados os “numerosos indicios de ilegalidade que envolven o frustrado concurso de patrocinio publicitario”. Nese sentido, afirmou que nos próximos días “confían” en contar co apoio do grupo municipal do PP para a convocatoria dun Pleno extraordinario que permita depurar responsabilidades políticas e que o alcalde, Abel Caballero, dea explicacións sobre o que cualificou como o “Escándalo dos Guns”.