Brais Ruanova: “O BNG seremos a verdadeira representación de Vigo e de Galiza no Estado”
A fronte nacionalista agradece o apoio de máis de 14 mil viguesas e vigueses nas Eleccións Xerais, que supoñen un aumento do 45% do número de votos na cidade, malia non lograr o obxectivo de recuperar a representación no Congreso por Pontevedra
Brais Ruanova: “As viguesas e vigueses poden ter a absoluta confianza en que o BNG fará das necesidades de Vigo e da axenda galega as súas prioridades”
O Bloque Nacionalista Galego asegura que a representación nacionalista no Congreso vai seguir sendo “unha voz firme e un voto determinante” na defensa dos intereses de Vigo. Así o afirmou o candidato do BNG ao Congreso, Brais Ruanova, tras coñecerse os resultados das Eleccións Xerais nas que, malia non lograr o obxectivo de recuperar a representación no Congreso pola circunscrición de Pontevedra, supuxeron un aumento dun 45% no número de votos do Bloque na cidade de Vigo.
“As máis de 14 mil viguesas e vigueses que apostaron polo BNG poden ter a absoluta confianza en que a nosa representación no Congreso, e tamén no Senado, fará das necesidades de Vigo e da axenda galega a súa prioridade”, salientou Ruanova, que contrapuxo un BNG que será a “verdadeira representación de Vigo e de Galiza no Estado” fronte ás forzas estatais “que só viñeron pedir votos á cidade con promesas que volverán intentar incumprir”.
Nese sentido, o candidato nacionalista puxo en valor a “coherencia” do BNG durante a última lexislatura na defensa das necesidades da maior cidade galega. Ruanova avanzou que o Bloque continuará a demandar no Estado medidas para promover a reactivación produtiva e industrial da cidade e da comarca “blindando” o futuro de sectores como o naval, a automoción e a pesca.
Na mesma liña, asegurou que o Bloque seguirá esixindo un “compromiso real e efectivo” para que a Saída Sur de alta velocidade sexa unha realidade antes de 2030 así como unha rede de tren de cercanías na área de Vigo. Ademais, reclamará o soterramento da VG-20 en Navia e a conversión en vía urbana da AP-9 ao seu paso por Teis para que deixen de ser “ruidosas navalladas” que tronzan os barrios.
Ruanova agradeceu tamén o “inmenso” traballo realizado pola militancia e simpatizantes do BNG. “Unha campaña electoral na que contra vento e marea, e a pesar da invisibilización mediática, o BNG quixemos poñer Vigo e Galiza no centro do debate político”, valorou. “Hoxe non acaba nada e o Bloque seguiremos traballando arreo pola cidade e polo País”, remachou.